Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O libro preséntase o venres en Bos Aires

Toda a historia da sociedade que agrupou as entidades galegas na Arxentina

O historiador Hernán Díaz publica un libro sobre o sobranceiro papel da Federación de Sociedades Galegas.

Redacción - 17:52 20/03/2007
Portada do libro

Portada do libro

No marco dos actos conmemorativos polo 85 aniversario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) acolle a presentación do primeiro libro sobre a súa historia. O venres 23 de marzo, a partir das 19.00, no Salón Arturo Cadrado, (Chacabuco, 955, 1º piso), de Bos Aires, será presentado Historia da Federación de Sociedades Galegas. Identidades políticas e prácticas militantes. En 252 páxinas preséntasenos a vida da organización política máis importante dos inmigrantes galegos na Arxentina.

O historiador Hernán Díaz, autor do traballo, remarcou que “non se trata dun libro institucional e autorreferencial senón dun enfoque historiográfico sobre as identidades políticas e as prácticas militantes que tiveron lugar neste ámbito da colectividade emigrada. Tenta ser un punto de partida para a revalorización historiográfica da institución política máis influente no seo da colectividade galega da Arxentina”. O libro foi coeditado pola Fundación Sotelo Blanco e a editorial bonaerense Biblos.

A Federación de Sociedades Galegas naceu no 21, e foi durante moitas décadas o guieiro para os sectores republicanos e de esquerda dos inmigrantes na Arxentina. Influíu na política galega nos anos 30, durante a Segunda República, xa que varias das persoas que a dirixían e máis os seus textos tiñan unha forte presenza entre as correntes nacionalistas e de esquerda do momento.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: