Segundo alega a empresa, sufriu unha mala experiencia previa. A propietaria esixiu que non fosen nenos e que lle garantisen que non se ían producir estragos.
O pobo xitano segue a sufrir discriminacións
A funeraria Génesis, na Coruña, rexeitou o pasado luns facerse cargo do velorio dun home por pertencer a unha familia xitana, segundo denunciou esta terza Pedro Gabarri, cuñado do finado e representante dos afectados, e que recolle esta corta o diario La Opinión.
A familia considera esta situación unha discriminación racista, cometida presuntamente pola propietaria da instalación. Esta negouse a contratar un servizo de velorio se non lle garantían que os asistentes non producirían estragos no recinto, localizado no polígono da Grela.
Mala experiencia previa
Pedro Gabarri acudiu o luns a esta funeraria porque era a que quedaba máis preto do Portiño, onde reside a maior parte da familia do seu cuñado. "A señora comezou a pór escusas e a me preguntar se falaramos con outros sitios; ao final, díxome que se eu lle garantía que habería orde e que non se producirían desfeitas, aceptaría, mais eu non son policía, non podo garantir nada", explicou.
A dona negou que sexa racista e argumentou que con anterioridade accedera a organizar un velorio de xitanos, no que os sofás e as mesas da funeraria sufriron danos. "Había un montón de nenos e señoras con bebés que deixaron o baño cheo de cueiros. As mesas apareceron raiadas e a tapicería, rota."
"É moi triste que xulguen a unha familia de xitanos polo que fan outras", manifestou Gabarri, e preguntouse se Génesis non faría o velorio a un paio por unha mala experiencia cunha familia paia.