 
A vila barbancesa convértese nun punto de encontro da artesanía, da música, da danza e da creación audiovisual.
Esta fin de semana, a vila de Boiro convértese nun punto de encontro intercultural. A Mostra das Culturas, que coincide coas festas de verán do concello, chega á súa quinta edición con manifestacións de artesanía, música, teatro e audiovisual de países como Perú, Uruguai, Venezuela, Euskadi, Palestina ou Bulgaria. 
  A feira abrirase o sábado 30 ás 11 da mañá coa inauguración da Carpa da Diversidade, no parque da Cachada, onde se desenvolverá a Feira Intercultural até o domingo. Alí poderanse ver mostras de gastronomía, artesanía e información sobre as asociacións participantes. No mesmo espazo desenvolveranse obradoiros musicais e artesanais, ademais de actuacións de animación teatral. 
  A sección Altofalante da mostra incluirá dúas exposicións fotográficas, unha videoinstalación permanente e a proxección de documentais. Os cativos dispoñerán de actividades destinadas a eles, tamén de carácter multicultural e alternativo. 
  Concertos 
A oferta musical tamén se caracteriza pola heteroxeneidade. Entre o sábado e o domingo actuarán catorce grupos de danza galega e latinoamericana. No que se refire ao folc, o sábado actuarán no parque da Cachada o grupo vasco Hala Dzipo, o grupo de pandeireteiras Xoaniña, o de pandeireteiras e cantareiras da Escola de Música de Boiro e Alma de 9 Lunas, de Tenerife. 
  Tamén o sábado, dende as oito, no escenario Leña Verde haberá concertos de varios grupos locais de Boiro, seguidos do grupo catalán La Kinky Beat, a banda barbancesa-albaceteña Triángulo de Amor Bizarro e Najwajean, dúo formado por Najwa Nimri e o ferrolán Carlos Jean. O domingo, a partir das nove, tocarán os composteláns Ataque Escampe, Chiquilicuatres, dende Ribeira, e o brasileiro Renato Spencer. 
  Seis días de rock 
Xa dende o venres, a vila boirense énchese de rock cun festival en que participarán trece grupos. O venres 29, a partir das dez da noite, actuarán Sínefres, de Escarabote; Green River Band, e Jabón Blue, grupo formado polo barbancés Javi Maneiro, que fora cantante de Heredeiros da Crus. 
  A cita será no local A Esmorga, que celebra dese xeito o seu terceiro aniversario. O domingo 1 será a quenda de dous grupos boirenses: Síndrome de Estocolmo e Supersandwich. O martes estarán Mela-Pela, da Pobra do Caramiñal, e Mac Feck.   
  A noite do 3 de xullo estará dedicada a Janis Joplin, á que se lle dedicará un especial, e actuarán as boirenses Agoraphobia. A cuarta feira 4 serán Smashing e Afrocuncas os encargados de darlle marcha ao festival, mentres que o día 5 tocaralles a Alternativa, da Pobra e mais Os Cangrexeiros, de Taragoña. E en plena resaca das festas, o venres 6, non haberá música pero si unha churrascada matinal ao peche do estabelecemento.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto