Escasos puntos de encontro no Parlamento, nunha tarde onde foi a quenda dos voceiros Carlos Aymerich (BNG), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Manuel Ruíz Rivas (PPdeG).
Aymerich: "Hai que fuxir da inxenuidade ou da fachenda"
O deputado nacionalista Carlos Aymerich comparou os dous anos de bipartito cos 16 anos anteriores de xestión do PPdeG que representou un crecemento "desequilibrado, coa construción como único motor, fronte ao abandono do rural, cunha evolución negativa da balanza comercial e do emprego, cunha nova reconversión naval na ría de Ferrl, unha taxa de temporalidade do 35%, rías sen sanear, os últimos en prazas de residencias para maiores...e así seguido".
Pola contra, Aymerich subliñou que o novo Goberno estaba a impulsar políticas "de emprego de calidade e estábel, vencellado a unha economía competitiva, o incremento do gasto en capital humano, o compromiso dun sistema galego de benestar, a posta en valor do territorio e o avanzo na normalización da nosa lingua".
Porén, Aymerich dixo que era preciso fuxir da "inxenuidade ou da fachenda" e sinalou que os bos datos económicos hai que relativizalos porque "hai cuestións estruturais que persisten como a emigración ou a mala evolución demográfica". O nacionalista tamén fixo referencia á necesidade de democratizar a CRTVG, da reforma do voto emigrante e do aumento das cotas de autogoberno.
Leiceaga destaca as "realidades" que mudan a "gravosa herdanza" do PP
"O goberno actual inspira confianza e estabilidade, actuando como acelerador, e o goberno anterior era un lastre", afirmou Xaquín Fernández Leiceaga, quen esta cuarta feira actuou como voceiro do PSdeG no Parlamento. Leiceaga censurou especialmente a xestión realizada polo PPdeG coas axudas da Unión Europea durante a súa etapa no executivo e chamou a aproveitar os fondos estruturais no treito até 2013 que cualificou de "última oportunidade para o país".
O voceiro socialista indicou a existencia dunha "tarefa inmensa pendente de facer" e dixo estar seguro de que se aproveitará o que na súa opinión é "unha oportunidade única para transformar Galiza" no que queda de lexislatura. Defendeu Fernández Leiceaga que alén da conxuntura económica positiva que outros factores poidan determinar, o papel do goberno si foi "decisivo" para consolidar o crecemento económico e mesmo poñelo por riba da media estatal. "Empresas, cidadáns, sociedade, son os mesmos, cambiou o goberno", explicou, insistindo no protagonismo do executivo actual na evolución positiva. No mesmo sentido, referiuse tamén ao que cualificou de "enorme contribución ao desenvolvemento galego" do goberno español.
Ruiz Rivas estrea na portavocía reprochándolle as "escasas propostas" a PSdeG e BNG
Reconvertido en fiel lugartenente de Alberte Núñez Feijoo despois de poñerse no bando de Xosé Manuel Barreiro durante a batalla sucesoria, o deputado barbanceiro Manuel Ruíz Rivas mantivo alto este mércores no Parlamento o listón da locuaz belixerancia adicada ao bipartito. "Faltoulles tempo e sobroulles soberbia", adicoulles a socialistas e nacionalistas, criticando que só pactasen 28 proposicións de resolución, fronte ás 573 presentadas polo grupo do PPdeG. "Vergoña lles debería dar do pouco que son capaces de entendérense", afirmou.
"Galiza mantense por inercia", subliñou Rivas, para quen a actividade do goberno de coalición é comparábel á de "aquel mono que ía na nave e que déralle ao botón que lle dera a nave seguía adiante"."Dous presidentiños non suman un presidente", adicoulles a Pérez Touriño e Anxo Quintana. De seguido, o voceiro parlamentario do PPdeG fixo repaso de cada unha das consellarías do bipartito, cargando especialmente contra o de Medio Ambiente, a quen cualificou de "conselleiro da parálise absoluta" adicado a "desprestixiar todo o que fixeron os antecesores". Doutra banda, acusou a Méndez Romeu de liderar en Presidencia a consellaría "máis inoperante, neglixente e conflitiva".
Por outra parte, Manuel Ruiz Rivas destacou especialmente o que na súa opinión foi a ausencia do "debate de España". "Lamentamos que non teña como propio o debate de España e diga se cre na das autonomías ou na das soberanías", interpelou a Touriño.