Radio Galega e Centro Dramático Galego convocan o concurso de teatro radiofónico, que abre o prazo para a presentación de obras.
A creación experimenta e revisa os soportes tradicionais con novos discursos. Desde esa contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio canle de expresión e de indagación artística, preséntase o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende promover a creación actual dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.
A terceira edición do Premio de Teatro Radiofónico, organizado polo Diario Cultural da Radio Galega, abre o prazo para o envío de orixinais. O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas que serán dramatizadas para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo CDG. As dramatizacións emitiranse ao longo do mes de marzo, o mes do teatro, nos distintos programa das Radio Galega. O prazo de presentación de orixinais rematará o 31 de decembro. O xurado escollerá un gañador e o público outro, ambos os dous premios dotados con tres mil euros cada un.
David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con O Bambam; a obra, interpretada por Luis Tosar e Luis Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o Premio do Público. O pasado ano O mal da vaca foi a obra gañadora, destacando o xurado o seu carácter "fresco, ben estruturado e con diálogos coidados". As tres obras finalistas foron Ola Silvia, estás aí, de Fátima Rodriguez, Último capítulo, de Roi Vidal e Saltimbanqui, de Lois Pérez, facéndose esta última co premio do público. Os catro textos foron publicados por Xerais nun libro-cd.
As bases poden consultarse no blog do Diario Cultural.