A banda balear, Premio Nacional de Música en Cataluña en 2008, actuou en Galiza por vez primeira este xoves.
No Estado Español a pluralidade cultural non existe cando falamos do mercado. A música galega triunfou en Madrid da man dos Resentidos; eran tempos no que a movida se escribía con 'V' de Vigo, e chegaba triunfante nun tren até a mesma capital do imperio pequeno. Algo semellante pasou co rico movemento do rock catalá, a comezos dos noventa, con Sopa de Cabra, Gossos ou Els Pets á fronte. Pouco máis. Acéptase o inglés como lingua, pero para catalán, euskera e galego existen aínda (ou cada vez máis) barreiras. Iso non importa tanto nos circuítos independentes, claro, nos que Mus e Lucas 15 (asturiano), Lisabö e Anari (euskera) ou Mishima e Antònia Font (catalán) contan cun público fiel en todo o Estado, e co recoñecemento da crítica.
"Non somos un grupo raro", di Pau Debón (vocalista), "non se nos ten por que ver así en Madrid, en Málaga, ou en Vigo, só por cantar en catalán, "aquí ven Franz Ferdinand, cantan en inglés e ninguén se sorprende". Onde está o problema, pois? Por que resulta tan complicado que os castelanfalantes escoiten música feita en galego ou catalán? Alén dos argumentos habituais, Pau Debón fai autocrítica dende a periferia: "cando se intentou entrar no mercado español fíxose con temor. Os artistas e os promotores son os primeiros que teñen medo, e así é imposíbel". E conclúe: "é certo que hai moita xente que rexeita o catalán porque si, pero esa xente non nos interesa. Interésanos a xente á que lle gusta a música".
Antònia Font son un fenómeno social nos Países Cataláns. Venden discos por milleiros, son quen de encher o Liceu de Barcelona (cunha capacidade para catro mil persoas) durante catro días seguidos, e a súa música e as súas letras son materia de estudo nos colexios. Naceron hai dez anos en Mallorca, cun álbum homónimo que se converteu nun éxito local. Con Alegria ou A Rússia deron o salto a Cataluña, onde foron quen de triunfar mesmo cantando nun dialecto local do catalán, o seu mallorquín natal. Para que poidamos entendelo en Galiza, abonda con imaxinar unha banda de pop triunfando cunha marcada gheada explosiva, coa fala eonaviega ou co dialecto de Valdeorras. Di Joan Miquel Oliver (letrista e guitarra) que non considera unha lousa a normativa porque a normativa non lle "interesa", e destaca que o feito de que cantar do mesmo xeito que falan axudou a que as súas cancións soasen máis directas. Pau Debón salienta que "a nós foinos ben cantando en dialecto, e en Barcelona á xente mesmo lle fai graza".
Un ano de éxitos, mesmo fóra dos Países Cataláns
O 2007 supuxo un punto de inflexión para o grupo: consumación do éxito en Cataluña, recibindo o Premio Nacional de Música, recoñecemento a nivel do Estado co premio da Academia da Música ao mellor álbum pop español, e éxito comercial co seu recompilatorio Coser i Cantar, gravado coa Orquestra Sinfónica de Bratislava. "Quizais si será un punto de inflexión. O recompilatorio serviu para pechar unha etapa. Agora imos parar durante un ano e despois pensaremos no próximo disco", di Pau Debón. Punt i principi de viure sense tu. Antònia Font pechan unha primeira etapa e tomaran o 2009 como un ano de descanso. O letrista e guitarrista da banda, Joan Miquel Oliver, publicará en febreiro o seu segundo álbum en solitario. Oliver, motor do grupo, é un valor en alza na cultura catalá publicou hai uns meses a súa primeira novela, El misteri de l'amor.
O rock català tiña unha compoñente política moi clara, moi necesaria tamén, seguramente, pero que acabou por impoñer unha etiqueta á música feita en catalán da que moitos grupos optaron por refugar. "Non quixemos ir por ese camiño. Non facemos política; os grupos que si a fan non son nin mellores nin peores, é outro camiño, nós dedicámonos a facer música. E usamos a nosa lingua porque é a nosa lingua. É unha cuestión de normalidade". Antònia Font encabeza unha nova xeración de bandas e solistas en catalán, na que podemos incluír a Mishima, Sanjosex, Conxita, Roger Mas, Feliu Ventura ou Cabo San Roque, que están conseguindo que a escena barcelonesa tomase un pulo renovado.
Hierático Joan Miquel Oliver e histriónico e sorrinte Pau Debón lideran unha banda que non só pon sobre o escenario as letras máis orixinais que se poden escoitar na Península, senón que o fan cunha solvencia musical eloxiábel. Antònia Font é un grupo de pop, orixinal tamén na súa música, na que as influencias non son de todo evidentes. O pop e a primeira electrónica de comezos dos oitenta, pero tamén o tropicalismo e o espíritu rumbeiro, tan catalán (e tan de actualidade na escena barcelonesa da man de El Guincho ou Coconot), que fixeron explícito en Taxi (2004) ou en cancións como Canta (A Rússia, 2001). Outros referentes poden ser algúns artistas cataláns, xeniais e dificilmente clasificábeis, como Sisa ou Pascal Comelade: "si, pode existir unha ligazón con Sisa ou Comelade pola temática das letras, por inventar un mundo irreal", di Pau Debón.
Viaxes interiores, viaxes galácticas
As letras de Oliver son o primeiro que se destaca. Mundos interiores, pequenas historias, pezas poéticas, neoloxismos, xogos de palabras. "A definición como surrealistas non nos gusta", di Pau Debón, "de feito Joan Miquel sempre se queixa de que a xente di iso sempre que non entende unha letra. Pero nós facemos as letras para que se entendan, queremos dicir algo. Aínda que sexan letras difíciles, con moito contido". Algo teñen dos nosos Resentidos. Letras alegres, letras tristes, letras tristes ás veces para bailar unha rumba: "ás veces sae así, outras veces as letras parecen alegres e son tristes; fíxate por exemplo no disco Alegria, que en realidade, chamándose así é un disco con letras bastante terríbeis", di Debon.
O universo, as viaxes espaciais, os astronautas..., son unha das marcas temáticas do grupo. Dende as primeiras Cibernauta Joan ou S'univers és una festa (Antónia Font, 1999), até Astronauta rimador, Armando rampas ou Extraterrestres (Taxi, 2004). En Batiscafo Katiuskas (2006), seguramente o seu disco máis redondo, a viaxe foi interior: "Batiscafo trata máis os sentimentos interiores, moito máis cós discos precedentes", di Pau Debón; de feito o álbum ábrese coa solitaria inmersión oceánica do Batiscafo socialista, comandado por unha actualización do Major Tom ao que Bowie lle cantaba en Space Oddity.
En Vigo convenceron aos seus seguidores
Unha Fábrica de Chocolate chea, con seguidores da banda chegados de toda Galiza, empregaron os primeiros minutos do concerto para tomar conciencia de que estaban vendo en directo ao grupo que tantas veces escoitaran. Despois, os Antònia Font fixeron un repaso polos seus cinco discos nos que non faltaron os seus temas máis coñecidos, como Alegria, Canta, Tots es motors, ou Wa Yeah! Un recompilatorio en directo que fuxiu dun tópico que nalgún momento existiu sobre a banda: o 'pachanguerismo' dos seus concertos, un pop-rock de serie b que semella que xa deu paso a unha absoluta solidez sonora, a un directo impecábel.
E por que o nome de Antònia Font? Foi unha pregunta recorrente nos seus primeiros anos, cunha explicación moi sinxela: unha compañeira de Oliver na Facultade de Filosofía, a súa primeira fan, á que lle dedicaron algún dos seus primeiros concertos. Tiveron que pasar dez anos para velos en directo no noso país. Había gana.