Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convenio co goberno español

A Xunta aproba un novo plan de Vivenda que beneficiará a 50 mil familias

Sinalan que suporá o investimento de máis de 400 millóns de euros e contempla axudas de dous mil euros para mercar o primeiro piso.

Redacción - 15:00 18/06/2009

O Consello da Xunta desta semana aprobou o convenio entre co Ministerio de Vivenda, que beneficiará, segundo o Goberno, a máis de 50 mil familias.Con este novo Plan de Vivenda destinaranse máis de 400 millóns de euros, dos cales o Ministerio de Vivenda achegará máis de 271 millóns e ao Goberno máis de 130 millóns de euros.Os obxectivos -até 2012-, implicarán un total de 50.755 actuacións en materia de vivenda, fronte aos 32.396 do ciclo anterior, o que supón un incremento do 56,67%, sinalan dende a Xunta. Beneficiará, contan dende o Goberno, a 50 mil familias, creará 40 mil postos de traballo.

O convenio prevé a promoción de perto de 14 mil vivendas protexidas de nova contracción; axudas para a adquisición daquelas vivendas que leven un ano baleiras -dende o outorgamento de licenzas de primeira ocupación, e sempre que o promotor decida cualificalas como vivendas de protección autonómica-; e a posibilidade de cualificar como protexida unha soa vivenda nunha edificio de pisos libres, ademais da cualificación de edificios completos ou plantas enteiras.

Así mesmo, o plan prevé actuacións de rehabilitación, tanto en áreas de rehabilitación integral (ARIS) como en áreas de renovación urbana (ARUS), erradicación do chabolismo e axudas Renove, destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a hixiene, saúde e protección do ambiente nos edificios e vivendas, e a utilización de enerxías renovables. En total os diferentes programas de rehabilitación prevén 29.025 actuacións no conxunto do plan.

Axudas de dous mil euros para a primeira vivenda mercada
Os adquirentes de vivendas ao abeiro do Plan 2009-2012 poderán beneficiarse de axudas para a adquisición de vivendas protexidas de nova construción e de vivendas usadas, así como para a promoción de vivendas para uso propio. O proxecto tamén recolle a concesión de dous mil euros acumulábeis para todas aquelas persoas que merquen, por vez primeira, unha vivenda.

Tamén terán subvencións os menores de 35 anos e os maiores de 65, familias numerosas, familias monoparentais con fillos, familias con ingresos que non superen 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), as mulleres vítimas da violencia de xénero, as vítimas do terrorismo e persoas dependentes ou con discapacidades recoñecidas e as familias que as teñen ao seu cargo.

Como novidade, o Plan de Vivenda inclúe axudas directas a afectados por situacións catastróficas e persoas separadas ou divorciadas que estean ao día no pagamento das pensións alimenticias ou compensatorias, se é o caso. Así mesmo, a Xunta de Galicia establece unha axuda especial para emigrantes retornados e chabolistas.

O convenio deberá ser asinado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda. Posteriormente a Xunta de Galicia aprobará e publicará, no Diario Oficial de Galicia, o decreto que establecerá a aplicación do Plan de Vivenda en Galicia. As axudas do dito plan poderán solicitarse a partir da entrada en vigor do dito decreto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: