A equipa Rías Baixas, que gañou para Galiza a bandeira da Concha, confirma o arranque espectacular das traiñeiras femininas.
As remeiras galegas confirmaron o seu dominio nas competicións de traíñas, aínda acabadas de nacer. Este sábado o equipo Rías Baixas-Rianxeira volveuse impoñer na bandeira da Concha en Donostia, ao igual que o fixeron na edición pasada (daquela coa denominación Galiza), e ao longo deste ano na liga ACT e na liga galega. Os dous anos de existencia do equipo e de competicións femininas de traiñeiras están cheos de triunfos e poñen o nivel moi alto para as vindeiras tempadas.
Até hai ben pouco, as grandes competicións de traiñeiras estaban reservadas para os homes. As remeiras tiñan que conformarse con competir en embarcacións máis pequenas, como bateis e traiñeiriñas. Pero algo empezou a cambiar nos últimos anos. A puxanza das propias deportistas levou ao recoñecemento oficial da modalidade feminina, e o ano pasado os organizadores da Concha, logo de 128 anos de historia, apostaron por convocar a primeira bandeira feminina. Daquela gañou o equipo galego, que un ano despois repite o éxito.
Esforzo de tres clubs
“Para chegar a gañar a Concha houbo que traballar moito”, explica o adestrador do equipo, Benigno Siva. “Foron moitas horas en mar aberto para adaptarnos ás condicións da baía da Concha”. A vitoria foi traballada, en dura pugna con Astillero e Getaria-Tolosa. “A única maneira de chegar en condicións é estar un punto por riba dos outros equipos, porque as nosas remeiras teñen o hándicap de remar lonxe da casa, o que implica máis fatiga: viaxe en furgoneta, durmir de hotel...”.
Benigno Silva, cunha longa experiencia no remo galego, cre que “nun só club é moi difícil xuntar 15 ou 16 remeiras de bo nivel para crear un equipo potente”. Para suplir esta dificultade, o Rías Baixas formouse xuntando o esforzo de tres clubs: Cabo de Cruz, Chapela e Samertolomeu de Meira. “Con este modelo podemos sacar un equipo competitivo, aínda que é unha solución temporal”.
Seguindo a fórmula da traíña que adestra Benigno Silva, este ano creáronse outras dúas equipas galegas: a de Perillo-A Cabana e a de Mecos-Náutico de Vigo-Bueu. As tres participaron este verán na que foi a primeira Liga Galega de Traiñeiras. Tamén este ano se celebrou a primeira Liga Euskotren ACT, na que as de Cabo de Cruz-Chapela-Samertolomeu impuxéronse como Galiza ás embarcacións de Gipuzkoa, Bizcaia e Catalunya.
A continuidade necesaria
Agora, tras dous anos de éxitos, toca consolidar as traiñeiras femininas. Sandra Sánchez, proel do equipo Rías Baixas, confirma que segue a haber quen dubida sobre a capacidade das remeiras: “hai un pouco de reticencia, xente que cre que non somos capaces, que a traiñeira se nos queda moi grande”. Pero cada vez van a máis, e esas voces vanse apagando. Benigno Silva considera que o único que lles falta demostrar ás remeiras “é que poden darlle continuidade”.
Pero o deporte feminino ten que superar certas barreiras extra. A primeira é o financiamento, “este ano conseguimos apoio económico, pero despois de moito esforzo”, explica Sandra Sánchez. A segunda barreira son os roles e condicionamentos sociais, que fai que para as mulleres sexa máis difícil dedicarse á vida deportiva. “Hai certas cuestións socioculturais que lles botan o freo, pero estanse rompendo ataduras e cada vez apúntanse máis mozas ao remo”, apunta Silva.
Para manter o nivel competitivo faise necesario que aparezan remeiras novas. Sandra Sánchez percibe que máis xente nova se anima a remar ao calor dos seus éxitos. Pero tamén en Cantabria e Euskadi hai cada vez máis e mellores remeiras, como proba o axustado da vitoria en Donostia. “Este éxito ao inicio quizais sexa demasiado grande para poder sostelo”, valora Benigno Silva, “pero é un orgullo para todos. Isto é facer país”.