A interactividade na relación coa cidadanía que permite a internet segue sen ser aproveitada polas formacións do país.
As webs dos partidos políticos galegos, polo xeral, non destacan polo servizo que lles prestan aos seus votantes e simpatizantes. Nalgúns casos, nin sequera se preocupan de actualizalas. A interactividade é outro dos puntos fracos de todas elas, a pesar de que ás veces pretenden fomentar a participación do electorado.
A do PPdeG, despois da súa enésima renovación, xa deixou atrás os problemas de accesibilidade que tiña nos seus primeiros tempos se se accedía a ela cun navegador que non fose o Internet Explorer. A súa intención é incorporar contidos multimedia de alta calidade, máis pensados en facilitar a súa visibilidade nos medios de comunicación ca no público internauta xeral. Tamén se ve afectada por un bilingüismo non moi "harmónico", con mensaxes mesturadas en galego e en castelán sen importar cal das dúas linguas se escollan no menú superior.
As xuventudes do PPdeG, Novas Xeracións, xa os reciben facéndonos escoller idioma. Pola mocidade dos seus membros, poderiamos agardar outro tipo de contidos ademais das habituais novas. O único que nos chega a sorprender é unha sección de ligazóns aos blogs dalgúns dos seus militantes, máis constantes cós seus "maiores". Curiosamente, case todos eles son monolingües en castelán á hora de escribir, agás Jorge Cubela, Laura Alonso e Silvia Carreño, que alternan dúas linguas, e Fernando Carreira, que escribe só en galego.
A web do PSdeG tamén opta pola vía informativa, con informacións con grandes titulares e fotos, vídeos e ligazóns a redes sociais, como a do PPdeG. A actualización faise a bo ritmo, aínda que os deputados socialistas galegos en Madrid non fan o mesmo: a súa sección dentro da web do PSOE leva sen actualizar algo máis de dous anos.
A páxina das Xuventudes Socialistas, que ostenta o logotipo da Secretaría Xeral de Política Lingüística, céntrase tamén no visual, cunha presenza de vídeos e de fotografías con máis protagonismo có texto. Como a do PSdeG, está integramente en galego.
O BNG dispón dunha web onde a información é tamén predominante, con máis titulares e texto e menos fotografías e vídeos. A estrutura aproxímase máis á dun blog, con diferentes contidos organizados en seccións ás que se accede mediante un menú na parte superior. Podemos dicir algo semellante do portal de Galiza Nova, cunha estrutura tamén centrada na información, acompañada de imaxes de pequeno formato.
Os partidos políticos sen representación no Parlamento, por teren tamén menos actividade política, padecen dunha actualización pouco constante das súas webs, unha vez máis protagonizadas pola información relacionada coas propias formacións. É o caso de Terra Galega, coa web menos actualizada e cun deseño menos actual, e a de Esquerda Unida, que organiza os contidos por temáticas e comarcas.