Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na diáspora

Centros no exterior: poucos fondos e cada vez menos 'galegos'

Mentres diminúen as partidas da Secretaría Xeral de Emigración, dilúese a importancia da difusión da cultura do país á hora de conceder as axudas económicas.

Redacción - 09:35 28/02/2010

As subvencións que reciben os centros galegos no exterior por parte da Xunta seguen rodeadas de polémica. Por unha banda, colectivos de emigrantes en Suíza denunciaron os recortes nas axudas outorgadas pola Secretaría Xeral de Emigración, que poñen en perigo o seu compromiso "na defensa da identidade, da lingua e da cultura do país".

Por outro lado, Vieiros deu conta de casos como o do Centro Espanhol e Repatriação de Santos, no Brasil, que, aínda que recibe fondos da Xunta, parece promover máis a cultura española máis estereotipada, vendo a súa páxina web. A directora cultural do Centro, Márcia Diéguez, explicou nun comentario da información que o Goberno só cobre os gastos das actividades relacionadas coa cultura do galega, nun centro con máis dun século de historia.

O certo é que a orde de axudas que convoca a Xunta para favorecer as actividades das comunidades no exterior non salienta excesivamente a 'galeguidade' desas iniciativas. Así, o apartado referido ás subvencións para promover a realización de proxectos culturais, formativos e actividades asociativas no exterior dálle máis importancia ao interese xeral ou á calidade técnica do programa cá difusión dos valores culturais e patrimoniais galegos ou ao uso da lingua propia.

Así, segundo se pode consultar no DOG e na web de Galicia Aberta, o interese xeral do programa e a repercusión das actividades culturais realizadas polo centro nos últimos tres anos contan até 45 puntos, que inclúen até 12 referidos ás letras galegas e ao día nacional de Galiza. O grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos contan até 25 puntos, o contar con outras fontes de financiamento até 15 puntos, e até 10 polo uso da lingua galega.

Segundo tamén especifican as bases, as axudas están sometidas a un proceso de control posterior, polo que as entidades que non empreguen os fondos nas actividades previstas, deberán devolvelos.


3,4/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: