O único representante galego na máxima categoría das traíñas parte dunha situación de desvantaxe fronte aos seus rivais vascos e cántabros.
O 3 de xullo comeza unha nova temporada da Liga ACT de Traíñas, actualmente denominada Liga San Miguel. O único equipo galego que participará na primeira categoría da especialidade é Tirán, de Moaña. Falamos co seu adestrador, Dani Pérez, e cun membro da súa directiva, Suso Pérez.
O principal obxectivo de Tirán para este ano é permanecer na categoría. Aínda que o equipo está máis ou menos ao mesmo nivel ca no 2009, con varias baixas compensadas con outras tantas altas, a liga púxose máis complicada. O motivo foi o ascenso de Astillero e de Koxtape-San Juan, que son "realmente potentes", segundo o directivo. O adestrador asegura que "a previsión non é por falsa modestia. É a realidade". O aumento de nivel dentro da liga ACT fai que a súa aspiración é acabar en setembro no décimo posto, "un obxectivo realista". "O ano pasado rematamos novenos, máis arriba do que esperabamos, porque tivemos uns resultados moi bos ao final".
Un dos atrancos que fan que Tirán parta con desvantaxe é o feito de que ten que afrontar longos desprazamentos até os lugares onde se desenvolven as diferentes regatas, maioritariamente entre Cantabria e Euskadi. En Galiza só terán lugar dúas: a XXVIII Bandeira Concello de Moaña, que terá lugar o 17 de xullo, e a Bandeira Galicia, con sede aínda por decidir, o día seguinte. O resto da tempada terán que facer "arredor de 700 quilómetros de ida e outros tantos de volta", segundo explicou o adestrador.
Este ano, como novidade, estrearanse os desprazamentos en avión que, segundo explicou Dani Pérez, "iso supón tensión mental máis ca física. Non é habitual para nós". Pero xa están afeitos a partir con desvantaxe: "É unha condición á que xa estamos habituados dende que empezou a liga e estamos resignados a tentar afrontalo".
Suso Pérez engade que o club, igual ca outros do país, como Cabo de Cruz, que tivo que renunciar a pasada temporada a seguir na ACT por problemas económicos, ten unha situación monetaria tamén inferior á dos seus rivais cántabros e vascos: "O club mantense grazas a patrocinadores privados e a axudas institucionais. A dificultade é enorme", afirma. "Cada viaxe custa de 6 a 8 mil euros, entre traslados de persoal e de material, estancia, manutención..."
Chegar cos deberes feitos
De cara á temporada 2010, o adestrador do club de remo espera comezar en xullo con máis preparación: "Trataremos de chegar un pouco máis fortes có ano pasado. En 2009 fomos de menos a máis. Ao principio non estabamos moi acoplados". Os seus rivais máis directos "están facendo unha moi boa pretemporada", mentres que Tirán "quedamos nun nivel medio nas probas que tivemos no inverno". Para comezar mellor, "este ano temos que traballar un pouco máis".