 
 
Pregúntao o BNG no Parlamento, recordando que "non é nin máis barato nin máis rápido" construír un centro con financiamento privado.
O BNG fixo este luns un chamamento á cidadanía a reivindicar o dereito a unha sanidade que teña como obxectivo "a mellora da saúde da cidadanía por riba dos intereses económicos".   
  Así o subliñaba a voceira parlamentar do Bloque na área de Sanidade, Ana Luísa Bouza, quen presentou unha iniciativa onde se denuncia que a Consellaría de Sanidade entrega a empresas privadas a construción dos centros sanitarios previstos para 2010 e 2011. Bouza chama a atención sobre a memoria de orzamentos 2010 da Xunta, onde se indican previsións de inxección de financiamento privado de diversas cantidades para a construción de infraestruturas que inclúen 18 centros de saúde en 2010 e 29 en 2011. Advirte a deputada nacionalista que o Goberno non concreta cal será a fórmula que empregará para a construción nin para a xestión posterior.
  Modelo obsoleto   
  Os nacionalistas critican que a consellaría defenda a presunta axilidade e abaratamento da construción destes centros con financiamento privado. "Ao custo de construción que levaría a cabo unha empresa privada, haberá que sumar os beneficios que reclamará a empresa que financia o centro de saúde, en forma de concesións sen concurso doutros servizos", quéixase Ana Luísa Bouza.   
  Lembran desde o BNG que o modelo de financiamento privado fracasou noutros lugares nos que se introduciu, e pon o exemplo dos conflitos xerados no Reino Unido ou nas comunidades autónomas de Madrid e Valencia. "Converten a saúde pública nunha mercadoría", acusa a deputada do Bloque.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto