O rexedor naronés, Xosé Manuel Blanco, retiroulle as competencias aos socios de goberno.
Á "falta continuada de lealdade institucional" aludía esta segunda feira o alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco (Terra Galega), á hora de comunicar oficialmente a revogación das competencias aos concelleiros Miguel Hermida, Paloma González e Rafael Rivas, todos eles do PpdeG.
Socios no goberno local despois de TeGa quedar un asento por baixo da maioría absoluta nas municipais de 2007, o pacto racha así a un ano vista da próxima cita coas urnas. Os detalles do conflito, que tería estoupado definitivamente este mesmo luns durante a comisión de obras, urbanismo e servizos, serán explicados polo rexedor nunha conferencia de prensa convocada para o mediodía desta terza feira. O propio Blanco será quen asuma a pilotaxe das áreas xestionadas até o de agora polos edís do PPdeG: Servizos Sociais, Emprego e Novas Tecnoloxías, e Obras Públicas.
Recordámoslles que en 2007 Terra Galega obtivo 10 representantes no Concello de Narón, por diante dos 5 do PPdeG, 3 do PSdeG e 3 do BNG.