A CIG, o STEG e UXT protestaron así contra a negativa da Consellaría a estudar un modelo de estudo de linguas estranxeiras distinto do proposto pola Administración.
Os sindicatos denuncian que esta Orde "non garante os resultados que di buscar" e entenden que o que pretende é "reducir a presenza do galego"
A maioría sindical, representada pola CIG-Ensino, STEG e UXT, levantáronse esta tarde da Mesa Sectorial do Ensino ao non estar disposta a Consellaría de Educación a retirar a orde que regula os centros plurilingües en Galiza. Estes tres sindicatos, que teñen o 70% da representación sindical, pediron que esta orde se substitúa por outra que garanta a consecución dun maior dominio nunha lingua estranxeira para o alumnado, pero que non caia nos erros que entende que comete a Consellaría.
Así, a CIG-Ensino lamenta que esta medida se introduce “coa clara finalidade de reducir a presenza do galego baixo o argumento de que temos que saber desenvolvernos en idiomas estranxeiros, mais non coñecer a nosa lingua propia”. Ademais, subliña que non garante unha mellor aprendizaxe das linguas estranxeiras xa que non recolle cuestións fundamentais como “a redución de alumnado por aula, desdobres dos cursos na docencia de linguas estranxeiras nin profesorado especialista e maiores recursos didácticos”.
Pola súa parte, o STEG rexeita o enforque que a Consellaría lle dá a esta rede de centros plurilingües, xa que “introduce un factor de discriminación no acceso a recursos entre o alumnado de uns centros e outros” e demanda á Xunta “un verdadeiro proxecto de aprendizaxe de linguas estranxeiras para todo o alumnado, independentemente das posibilidades dun centro de sumarse a esta rede”. Tamén denuncian que se “desvíen cartos para os centros concertados antes de garantir a cobertura de todos os centros públicos do país”.
Retirada da Orde
Ambos os dous sindicatos exixen que se retire esta orde e “que se presente un verdadeiro programa que non sexa discriminatorio e que asuma as medidas longamente demandadas que melloran a aprendizaxe das linguas”. Entenden que “non garante unha mellor aprendizaxe das linguas estranxeiras e que non considera nin se axusta á legalidade nin é beneficiosa para o ensino”. “Trátase dunha ferramenta destinada a crear centros de diferentes categorías e vai ser usada contra o noso idioma”, alerta a CIG, quen xa adianta que estudará o emprendemento de accións legais.
Finalmente, a CIG-Ensino tamén lamenta que ANPE e CCOO non secundaran a proposta de levantarse da mesa e lamenta que “non teñan inconveniente en facerlle o xogo á Administración continuando na mesa sectorial apoiando esta orde que non supón reforzar a aprendizaxe das linguas estranxeiras e que significa unha redución do galego nas aulas”.