Na axenda formativa do centro, que recibe fondos da Xunta de Galiza, ofrécense estes cursos, ao carón doutros de salsa ou danza galega.
O flamenco, as sevillanas ou a salsa son algunhas das ofertas formativas que ofrece o Centro Galego de Lisboa, entidade que reúne os galegos asentados na capital portuguesa e que conta xa con máis de 100 anos de historia. O exemplo do Centro Espanhol de Santos no Brasil, que publicaba Vieiros en febreiro, non é único e o centro luso sumouse á oferta formativa en cultura flamenca.
Segundo confirman no seu propio blog as Xuventudes do Centro Galego de Lisboa, as actividades lúdicas e formativas están patrocinadas “en gran parte pola Xunta de Galiza”. Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitaba este centro no pasado mes de xaneiro, visita na que reivindicaba o “vencello histórico, económico e cultural entre Galiza e Portugal”.
Ao carón destes cursos que pouco teñen que ver coa cultura galega, ofrécense outras materias como danza galega, gaita de fol ou cantareiras e pandereteiras.