A Irmandade Xurídica Galega celebra esta fin de semana en Lugo un seminario para contribuír á formación dos profesionais da Xustiza que desexen traballar na nosa lingua.
O estatuto xurídico do galego na Administración da Xustiza; O galego como lingua de traballo na avogacía; A tramitación dos procedementos xudiciais en galego; Os recursos informáticos e administrativos para o uso do galego na Administración da Xustiza... Sobre estes temas, e outros, falarán os xuristas que en Galiza están interesados nunha normalización plena do noso idioma no seu eido profesional. Será nun seminario organizado pola Irmandade Xurídica Galega, cando se cumpren xa dous anos dende a súa fundación co obxectivo de impulsar o uso da lingua galega en todos os órganos xurisdicionais.
Subliñando a tradición xurídica propia de Galiza e o seu vencello co galego como lingua, a Irmandade Xurídica convoca a todos os interesados a achegárense até Lugo para participar deste seminario. O seu obxectivo “é contribuír á formación teórica e práctica de todos os operadores xurídicos que desexen manexarse e desenvolver o seu traballo cotiá en lingua galega”. Así, pretenden ofrecer “os fundamentos legais e as ferramentas técnicas existentes que os poidan facilitar, a posta en común das experiencias xa existentes e fortalecer os vínculos entre as persoas que xa os practican” co obxectivo último de “visualizar plenamente a lingua galega na Xustiza, dende todas as perspectivas”.
Velaquí o programa de actos:
DIA 2 (venres)
18:00 - Recepción no Concello de Lugo aos asistentes ao Seminario Xurídico
18:30 - Descuberta de placa na rúa Pedro González López.
19:00 – Comeza o Seminario Xurídico - O estatuto xurídico do galego na Administración de Xustiza.
Relator: Luís Villares Naveira, Xuíz de Primeira Instancia e Instrución d’ A Fonsagrada.
19:20 - O galego como lingua de traballo na avogacía. Un distintivo de calidade e proximidade.
Relator: Xosé Manuel Fernández Varela. Secretario do Colexio de Avogados de Lugo.
19:40 - A tramitación dos procedementos xudiciais na Administración de Xustiza. A administración sen lingua.
Relatora: Tareixa Dopico Pita. Funcionaria do Xulgado de Primeira Instancia nº 4 de Lugo.
20:00 - Os recursos informáticos e administrativos para o uso do galego na Administración de Xustiza. ¿Realidade ou ficción?
Relatores: Flora Carpente Leira e Alexandre Alonso Alonso. Servizo de Tradución da Audiencia Provincial de Lugo.
20:20 - Mesa redonda.
21:00 - Clausura do Seminario.
21.:30 - Cea (Restaurante Los Robles)
DIA 3 (sábado)
10:30 a 12:00 - Roteiro cultural pola cidade (saída desde o Concello)
12:30 - Acto nomeamento novos membros da IRMANDADE XURÍDICA no Salón nobre da Deputación de Lugo
14:30 - Xantar (Restaurante Las Bridas)