Segundo informa o diario El País na súa edición desta cuarta feira, a Real Academia Galega tratou no plenario do pasado sábado a posibilidade de recorrer o decreto do plurilingüismo, o coñecido popularmente como 'decretazo'.
Con todo, o xornal recolle as palabras do secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, que apraza calquera decisión ao informe xurídico encargado pola institución a técnicos independentes. En caso de que así o consideren, a Academia podería convocar un plenario extraordinario a finais de xullo.
Actualmente, o 'decretazo' xa conta cos recursos xudiciais da Mesa, da CIG e -por razóns opostas- de Galicia Bilingüe.
Seminario do CCG Por outra banda, o Consello da Cultura Galega constatou este martes a "imposibilidade" de recuperar a "curto prazo" o consenso en materia lingüística e as "dificultades" que atravesa a lingua galega logo das decisións da Xunta en materia educativa.
Estas conclusións son algunhas ás que chegaron os participantes do
Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, organizado polo CCG. No documento de conclusións recóllese a necesidade de revisar "os vellos discursos" e impulsar "accións positivas" dirixidas aos sectores sociais máis dinámicos.
A Mesa valora a sentenza sobre o Estatut E ao fío da sentenza do Constitucional sobre o Estatut, a Mesa emitiu un comunicado onde valora que o tribunal "garante a constitucionalidade dos proxectos educativos no idioma propio e un maior recoñecemento xurídico".
Porén, a Mesa rexeita os recortes do TC, mais valora que se consolide xuridicamente "unha política de defensa do idioma propio, que está nos antípodas de Núñez Feijoo".