Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ENTREVISTA-CARLOS CALLÓN

"O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós"

O presidente da Mesa pola Normalización fai un repaso da situación lingüística do país e reflexiona sobre os movementos en defensa do galego. Vídeo no interior.

Isabel G. Couso - 09:30 08/07/2010

Cando se cumpren oito anos dende que asumise a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón (Ribeira, 1978) lamenta que a existencia desta organización siga a ser necesaria. Até Vieiros vén a presentarnos "En castellano no hay problema", o seu último libro, no que compila artigos datados entre 1997 e a actualidade, publicados en diferentes medios de comunicación como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal, El Correo Gallego ou o propio Vieiros. Logo de dous meses nas librarías, o libro xa ocupa o terceiro posto entre os máis vendidos na categoría de non ficción e chega a quenda dunha nosa entrevista: "Non chegades tarde, aínda falta por chamarme a TVG", chancea Callón. No texto ofrécenos "retallos para construír a autodefensa da lingua" nun momento no que, alerta, poderiamos chegar até un "punto de non retorno" orquestrado polo Goberno e liderado por un "converso" como Anxo Lorenzo. Coa premisa clara de que a Política Lingüística debería aspirar a non facer falta, fai un chamado en positivo a actuar: non en van a nosa historia facémola nós.

Vieiros: 'En castellano no hay problema' é ante todo un título provocador. Como xorde?

O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de "En castellano no hay problema". É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.

Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, Cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.

A figura máis representativa da política lingüística do Goberno é Anxo Lorenzo, unha persoa que ademais procede dun ámbito universitario significado na defensa do galego. Que balance fas do seu papel?
Cando o nomearon, xa dixemos dende a Mesa pola Normalización Lingüística que ía ser o verdugo do galego. O problema non é quen vaia desenvolver esa política, non é de nomes, o problema é que haxa persoas dispostas a desmantelar a oficialidade do galego. No caso de Lorenzo vemos que el é unha persoa que asinou varios informes de sociolingüística e, por tanto, é consciente do dano que está a facer. Cando o ficha Núñez Feijoo o que pretende é que sexa unha ponte para conseguir que o PSdeG entrase nese pacto mortal para desmantelar a oficialidade do galego e deixar só ao BNG na defensa da lingua e tentar facer cambios aínda moito máis bruscos dos que están facendo na actualidade. Despois, o seu papel dá vergoña allea a nivel ético, porque é a persoa que executa o ataque contra a nosa lingua; e tamén a nivel intelectual. Cal é o criterio polo que o ano antes escribía un artigo criticando todo o que agora fai? Depende a túa opinión intelectual dos euros que hai enriba da mesa? A nivel intelectual dá vergoña. Ás veces non hai nada peor que un converso.

Cales consideras que deben ser as políticas efectivas a prol do galego que debe asumir o Goberno?
O que ten que perseguir é simplemente intentar que o galego se utilice e que os galegos sexan conscientes dos seus dereitos. Son dous obxectivos ben claros. Dunha banda, todas as campañas, convenios ou subvencións asinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística deben ir dirixidos a intentar introducir a galegos en todos os ámbitos, sexa en telefonía móbil, sexa apoiando os medios de comunicación en galego, sexa apoiando que haxa máis materiais pedagóxicos na nosa lingua... E da outra banda, realizar campañas que se dirixan a que a cidadanía sexa consciente de que temos unha lingua propia e animar á lealdade lingüística: teñen que levar unha mensaxe clara, pedagóxica... Esas dúas cousas tan básicas é o que debería facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tería que aspirar a morrer de éxito, a aspirar a non facer falta. Non hai que inventar nada novo: cóllase o Plan de Normalización da Lingua Galega, véxanse as medias que estipula que foron acordadas por todas e todos e fágase o posíbel para que se cumpra.

Nos últimos meses a protesta dos colectivos que defenden o galego centrouse no eido do ensino. Non é necesaria unha defensa máis global da nosa lingua?
Temos que tentar abranguer todos os ámbitos e responder cando xorden agresións importantes, como persoas que son despedidas por falar en galego ou que non conseguen un posto de traballo porque se presentan falando galego... son situacións que seguen a producirse e precisan unha resposta. Tamén atendemos a outras demandas en materia de sanidade ou nos ámbitos públicos, mais doutra banda, temos que ter en conta que os nosos recursos son limitados, tanto a nivel económico como humano. Temos que atender as prioridades e no ámbito educativo a capacidade de lanzar ataques por parte da Xunta é inmenso. O ensino é unha condición non suficiente, pero necesaria para a normalización dunha lingua. Non hai ningún proceso de recuperación dunha lingua na que o ensino non xogase un papel importante, e agora está sendo fortemente atacado o seu papel normalizador.

A Mesa pola Normalización que ti presides foi cuestionada e acusada de recibir cuantiosas axudas do bipartito. Houbo certo intento de silenciar a defensa do galego?
Houbo unha campaña orquestrada, a máis feroz que padeceu a Mesa nos seus case 25 anos de historia. Mesmo nós tamén animamos a que acudisen aos Tribunais se consideraban que había algún tipo de irregularidade, pero non a houbo. Na páxina web da Xunta pódese observar todos os convenios asinados e as subvencións recibidas e pódense facer as contas dos cartos que recibiu a Mesa pola Normalización Lingüística para desenvolver accións en defensa do galego. Quixeron dar a sensación pouco menos de que isto era unha organización mafiosa: facían a suma de todo sen explicar como se repartían aqueles cartos, obviaban que se adicaban na súa maior parte ao Correlingua ou o voluntariado de activación lingüística.

É posíbel que este posicionamento da Xunta contrario ao galego estea a actuar como revulsivo e teña algún efecto positivo na defensa da lingua?
Obriga a decantarse, si. Antes había unha parte importante da sociedade sensiblizada coa lingua, pero anestesiada. Agora retiran a carauta e comezan as patadas e xa non quedan dúbidas. Hai prohibicións, limitacións da nosa lingua e moita xente vese obrigada a sacar a cabeza da terra e ver o que acontece. Vémolo na participación da xente, que mesmo no fala galego, e participa nas manifestacións. É esa mensaxe de "yo no hablo gallego, pero quiero que se defienda", un pensamento que rompe os esquemas que tiña preparados o PPdeG e que é positivo. No libro cito a frase de Manuel Fernández Blanco que di que estes ataques poden producir o paso da burocratización da lingua á libidinización da lingua. É dicir, pasar do concepto de lingua entendido como un elemento de mérito para entregar nun papeliño á lingua como elemento de unión, como elemento de desexo.

Todos estes colectivos xurdidos nos últimos anos en defensa do galego, demostran unha acción conxunta ou poden reflectir posicionamentos encontrados malia buscar un mesmo fin?
Son de natureza diferente. Por exemplo, a Mesa como organización social é máis antiga e agora mesmo é a que aglutina a máis persoas de xeito individual. Ao seu tempo, promove a Plataforma Queremos Galego que é unha plataforma de entidades. Despois hai outras organizacións a nivel individual, cada unha coa súa natureza, coas súas liñas de acción un pouco diferentes... pero realmente une. Na manifestación do 17 de maio estivo absolutamente todo o mundo.

Outras voces como por exemplo o Foro Peinador apelan a promover accións para incentivar o uso do galego, mais evitando o enfrontamento político. Como presidente da Mesa, que opinas?
Nós non procuramos ningún tipo de enfrontamento. Iso é repetir consignas do enemigo: crer a caricatura que fan de ti e repetila, pero xogar coa terminoloxía do inimigo non serve de nada. A Mesa procura enfrontamento cando defende a unha persoa despois de ser despedida por falar galego? Que facemos? Dicímoslle a esa persoa que agache a cabeza e vaia para casa? O problema é que o conflito lingüístico evidénciase cando se di que non ante unha situación de discriminación do noso idioma. Apostar pola vida da nosa cultura e da nosa lingua obrígache a iso, ao conflito.

Cal é o futuro que lle agarda ao galego a curto e medio prazo? Es optimista?
Eu aí apelaría á canción da Matraca Perversa: a nosa historia facémola nós. Vai depender de todas e todos nós espremer esa historia. Non podemos pechar os ollos a esa realidade: continúa habendo discriminacións para poder utilizar a nosa lingua que, ademais, se agudizan cos actuais ataques do presidente da Xunta. Doutra banda os datos son elocuentes: o galego é a lingua que máis falantes perde no Estado Español. Esta é a realidade: unha situación negativa. Agora ben, tamén temos moitos elementos para decatarmos de que podemos facer a historia da revitalización, da recuperación e da extensión social do noso idioma. Vémolo nas manifestacións de Queremos Galego, no feito da pluralidade da súa participación, nas persoas que se están atrevendo a falar en galego. Iso non nos debe levar a un optimismo exacerbado, pero si nos indica que podemos percorrer un camiño claro de revitalización do galego, que a historia non está escrita xa e a batalla non está perdida. Temos que ser conscientes de que estamos nunha encrucillada histórica, senón o galego poderá morrer pola nosa inacción. O que nós non fagamos pola nosa lingua agora, ninguén o vai facer por nós.


4,73/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Retallos da conversa con Carlos Callón

Callón: "Non hai que inventar nada novo, só hai que aplicar o actual Plan de Normalización Lingüística"
Callón: "Non hai que inventar nada novo, só hai que aplicar o actual Plan de Normalización Lingüística"
"O ensino é unha condición non suficiente, pero necesaria para a normalización dunha lingua"
"O ensino é unha condición non suficiente, pero necesaria para a normalización dunha lingua"
"A política lingüística ten que aspirar a non facer falta"
"A política lingüística ten que aspirar a non facer falta"
Callón: "As veces non hai nada peor que un converso: Anxo Lorenzo é consciente do dano que está a facer"
Callón: "As veces non hai nada peor que un converso: Anxo Lorenzo é consciente do dano que está a facer"