É un dos asuntos de interese xeral no actual contexto de crise económica onde PSOE e PP non pareceron agochar nos últimos tempos a súa vontade de consenso. O propio presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, recoñecía esta quinta feira na véspera da reunión do consello de ministros, que se trata da "reforma máis importante da historia" no sistema financeiro do Estado español. Unha importancia e unha urxencia que contrasta co frouxo interese do executivo estatal por favorecer o debate público ao respecto desta reforma e tamén coa falta de vontade negociadora para esta reforma máis aló das xuntanzas PSOE-PP sobre o asunto. O líder do PP, Mariano Rajoy, xa admitía este xoves o seu apoio a este paso.
Xa que logo, o goberno español ábrelle a porta ás caixas de aforro para que poidan operar na práctica coma un banco e introduciren investidores privados na súa propiedade e no ámbito da xestión. Unha bancarización que abre furado no carácter público das entidades coa escusa da crise financeira e dos problemas de solvencia das caixas. O recorte da representación política e a conversión das cotas participativas, con simples dereitos económicos para os seus posuídores, en títulos con dereitos políticos, abren un furado de imprevisíbeis consecuencias. É dicir, na práctica un só investidor privado pode apañar o 50% do capital dunha caixa. Ademais de favorecer a integración das caixas a través do modelo de Sistema Institucional de Protección (SIP), as caixas poderían exercer actividade de xeito indirecto a través dun banco, cedéndolle a actividade financeira ou transformárense en fundación renunciando á condición de caixa.