O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional examina o escenario político no país logo das eleccións rexionais da semana pasada.
A Policía vixía un colexio electoral
As eleccións rexionais realizadas en México o pasado 4 de xullo "supuxeron un importante test político para a democracia e a estabilidade institucional deste país", analizan desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional no último número do Igadi Paper.
Unha proba de maior relevancia "ante o clima de violencia desatada pola actuación dos carteis e mafias do narcotráfico". De feito varios axentes políticos foron asasinados nos últimos meses, nomeadamente o candidato do Partido Revolucionario Institucional (PRI) para a gobernación de Tamaulipas, Rodolfo Torre Cantú, o 28 de xuño.
Precisamente, o PRI obtivo a maioría das gobernacións. O seu retorno, apunta o Igadi, "significa un novo escenario dentro do proceso de transición política iniciado en 2000 co triunfo do conservador Partido de Acción Nacional (PAN), do actual presidente Felipe Calderón Hinojosa".