A empresa de telefonía comprométese a traballar para que todos os móbiles teñan opcións na lingua do país.
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o director de Telefónica en Galiza e Asturias, Ignacio Aller, asinaron este luns un convenio para “fomentar o uso do idioma galego”. Segundo os servizos de prensa da Xunta, a empresa de telefonía comprométese a traballar para que os móbiles dispoñan da opción do menú en galego. Ademais, promoverá campañas entre os seus abonados para dar a coñecer os modelos de terminais que xa están na lingua do país. A empresa tamén se compromete a posibilitar que os clientes poidan comunicarse tanto de xeito oral como escrito no seu idioma.
Pola súa parte, a administración “facilitará o apoio e asesoramento técnico necesario sobre os distintos aspectos lingüísticos e terminolóxicos, e dará cobertura institucional a calquera iniciativa de Telefónica que teña como finalidade a promoción da lingua e a cultura galega”.