Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS EN CAIXAFORUM E RAÍÑA LUPA

Fotografías de antano e hogano a falar co mar e mais co tempo

Moitos centros de arte apostan nestas datas por ofrecer traballos fotográficos. Será outra das esixencias que impón a crise?

Lito Caramés - 23:30 12/07/2010

Poida que sexa cousa da crise, poida que non. O certo é que actualmente en moitas galerías de arte, e tamén en espazos públicos e privados, as mostras fotográficas campan por muros e salas. Algúns exemplos, no MNAC hai fotos dos anos 30, na Fundación Mapfre (Madrid) veñen de abrir unha ampla mostra de fotos surrealistas, na Pedrera boa parte da obra exhibida de Mariano Fortuny son fotos etc. A tal punto afecta as nosas vidas esta cousa á que se lle vén chamando crise? O que cada vez parece máis obvio é que, outra volta, estamos diante dunha cíclica manifestación da necesidade que ten o capitalismo de retallar “cada-tantos-anos” os dereitos das traballadoras e traballadores.

Raíña Lupa: Del ojo que se resguarda en los mares

Na Galería de Rocío San Claudio (tamén editorial de excelsos libros de arte) unha exposición colectiva enche os muros tendo o mar como motivación, como escenario no que xorde a foto, a vida: Del ojo que se resguarda en los mares. O ensaio é atractivo. Alí campan fotógrafos que decote se deixan gañar polo espello da auga (xa mar, xa chuvia, xa piscina). Tal é o caso de Santos Montes e as súas monografías sobre a costa da Mariña lucense, e de Vari Caramés e a súa ingravidez de piscina. O Vari é tipo curioso, inventor de xanelas, forxador de maxias no cotián: “Se quero retratar un dromedario non me seduce a idea de ir ao deserto, en cambio, se un día polas rúas da Coruña vexo pasar un, ese si que me atrae moito. O inusitado dentro da normalidade”, dicía hai pouco nunha entrevista.

Manuel Outumuro mostra dúas pezas onde interactúan arquitecturas como escenarios francos que pretenden encadrar o mar. Esta vez as súas creacións non van de moda, como si o fan na súa magna mostra “Looks”, que o día 8 de xullo abre as portas no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). Isabel Coixet, amiga de Outumuro, participa tamén nesta experiencia colectiva, con fotos? Non, cada un ao seu. Elaborou un curto, Lluvia, filmado nas rúas de Santiago de Compostela. As caras sempre cheas de auga que lles vai caendo enriba, xente exhibindo cartaces que fan referencia á chuvia, ao seu exceso e á súa falta. No remate do curto dous rapaces mostran un cartel que indica que, durante toda a rodaxe, non caeu nin unha soa gota. Fina ironía ou crítica directa contra os homes do tempo e os seus tercio norte e ovo fritido?

Entre os traballos fotográficos (con obras tamén de Patricia Gómez e María Jesús González -que veñen de gañar o premio El Cultural de fotografía-, Francesc Torres e David Levinthal) hai textos de varios poetas que van facendo referencia á fotografía e ao mar; entre outros de Carlos Oroza, grande rapsodo e amigo de Uxío Novoneyra: ...y me contaste que habías visto salir de debajo de las aguas brazos / brazos trepando Trepando hacia la arena... (poema América).

CaixaForum: Un món flotant

Da produción fotográfica actual á levidade da existencia acomodada. Caixaforum presenta 230 fotos na primeira antolóxica que se pode ver en España de Lartigue: Un món flotant. Fotografies de Jacques Henri Lartigue. Lartigue sempre se tivo por un afeccionado á fotografía (vivía da pintura, actividade na que foi mediocre), coas que trataba de captar imaxes da súa vida e das persoas que convivían con el. Seica unha enfermidade de novo lle fixo teimar que calquera día podía perder todo o que tiña e o xeito de retelo é conxelar o tempo en fotos. A fotografía como depositaria da memoria. Lartigue (1894-1986) pasou a ser considerado un grande fotógrafo moi tarde, cando en 1963 (aos 69 anos!!) un conservador do MOMA de Nova York comezou a publicar cousas sobre el. En 1974 fai o retrato oficial do presidente da república francesa, Giscard d'Estaing, e como froito desa amizade doou as súas 100.000 fotografías ao estado francés. Por cronoloxía e temáticas a obra de Lartigue ben podía figurar en Praha, París, Barcelona. Modernitat fotogràfica de 1918 a 1948, a exposición temporal que se pode ver actualmente no MNAC.

Con esa idea central -reter o presente, alimentar a memoria- Lartigue fará milleiros de fotos para captar a beleza, a velocidade, os instantes imposibles dun salto, carreiras de automóbiles, deportes de verán e de inverno. O interese polo movemento compárteo cos futuristas (aqueles que dicían que era máis fermoso un auto veloz ca Vitoria de Samotracia). O título, Un món flotant, pode referir o interese de Lartigue por representar o seu mundo burgués, feliz, lixeiro... e tamén pode ter conexións coa estampa xaponesa, o ukiyo-e, que se traduce como “pinturas do mundo flotante”.

Unha das xeografías que máis se repite nas instantáneas de Lartigue é o mar. Ondas, tormentas, paseos, deportes na praia, corpos fermosos ao sol... A lixeireza e levidade mostrada por Lartigue a carón do mar conecta coa temática actual que se pode ver na galería Raíña Lupa. En ambos casos, distintos enfoques, encadres clásicos ou forzados, técnicas diversas, pero sempre o universo líquido, eterno, reiterativo, e sempre novo (La mer, la mer, toujours recommoncée, en verso de P. Valèry, ou como reza outro de Joan Vinyoli que agora viaxa polos muros da galería Raíña Lupa: El mar és ple, però jo em passo dies omplint-lo amb la mirada).

Gustave Courbet

Falando de fotografía e das súas inimizades coa pintura, nestas datas hai en Barcelona a posibilidade de contemplar pinturas e debuxos dun dos primeiros que sospeitou a competencia entre as dúas expresións artísticas: Gustave Courbet. É a primeira mostra importante en España do grande revolucionario, ministro de La Commune de París. E o sorprendente do caso vén sendo que as obras do pintor realista, crítico social e provocador (véxase senón L'Origine du Monde, 1866), móstranse no Museu Diocesà de Barcelona. O radical anticlerical nos terreos do arcebispado. O que se pode ver son mormente paisaxes das voltas da súa Ornans natal. Non está Le Sommeil, nin Les Baigneuses, nin L'Origine du Monde (sería demasiado), pero si se pode ver un debuxo preparatorio de Le Retour de la Conference (1863). O cadro final -que igual co debuxo mostraba un grupo de curas borrachos camiñando enriba e arredor dun burro, mentres os paisanos esmendréllanse de risa- desapareceu. Cóntase que, ante o escándalo que provocou a obra, mercouna un católico fundamentalista para destruílo. De escenas coma esta (ou similares: un mosén retratado cos seus fillos, curas pederastas en plena acción) puidéronse facer moitas pinturas e moitas fotos. Antes, e agora tamén.

EXPOSICIÓNS:

Del ojo que se resguarda en los mares
Raíña Lupa

Un món flotant. Fotografies de Jacques Henri Lartigue
Caixaforum-Barcelona

Gustave Courbet. Entre natura i cultura
Museu Diocesà


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Outumuro. Rompeolas. 2001
Outumuro. Rompeolas. 2001
Lartigue. Gérard Willemetz e Dany ,Royan, 1926 (detalle)
Lartigue. Gérard Willemetz e Dany ,Royan, 1926 (detalle)
Vari Caramés: Nadador, 1995
Vari Caramés: Nadador, 1995
Lartigue. A miña prima Bichonnade. París, 1905 (detalle)
Lartigue. A miña prima Bichonnade. París, 1905 (detalle)
Francesc Torres. Tormenta. 2010
Francesc Torres. Tormenta. 2010
Lartigue. Bibi, sombra e reflexo. Hendaia, 1927
Lartigue. Bibi, sombra e reflexo. Hendaia, 1927
Levinthal. AB 32, 1990
Levinthal. AB 32, 1990