Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Louvanza da política de inmigración nipona

A extrema dereita de Europa e Xapón reúnese nun congreso en Toquio

Partidos da Alianza Europea de Movementos Nacionais participan en agosto nun encontro co xaponés Issuikai para intercambiar experiencias e estabelecer ligazóns.

Redacción - 11:45 13/07/2010
Membros dun dos 'Uyoku dantai'

Membros dun dos 'Uyoku dantai'

Representantes dos partidos de extrema dereita que fan parte da Alianza Europea de Movementos Nacionais van participar nun congreso dunha semana de duración en Toquio en colaboración co xaponés Issuikai ("Sociedade da Cuarta Feira"), unha das formacións tradicionais dos Uyoku dantai (grupos de extrema dereita de Xapón), para intercambiar experiencias e estabelecer ligazóns.

Segundo apunta o vicepresidente da francesa Fronte Nacional, o eurodeputado Bruno Gollnisch, na súa web, "esta xuntanza (que se ha desenvolver en agosto) entre os movementos patrióticos xaponeses e europeos é a primeira da historia". Gollnisch fala a lingua nipoa con fluidez e é profesor universitario desta materia na Universidade de Lyon.

Ademais da FN (o seu líder, Jean-Marie Le Pen, gabou en numerosas ocasións as restritivas políticas de inmigración xaponesas), tamén está previsto que participen no encontro, entre outros, o Jobbik, de Hungría, que chegou ao 17% nas pasadas eleccións xerais; o separatista flamengo, Vlaams Belang; o Partido Nacional Renovador, de Portugal; o BNP, inglés; ou o italiano Fiamma Tricolore.

Issukai, inspirados por Yukio Mishima

Issukai, foi fundado en 1972 por seguidores do recoñecido novelista Yukio Mishima, que se suicidou polo ritual seppuku logo de fracasar no seu intento de alentar as Forzas Xaponesas de Autodefensa en 1970 a organizaren un golpe de estado.

O partido, que conta con poucos membros mais que mantén unha presenza significativa nos medios a través do seu líder Mitsuhiro Kimura, considera que os sucesivos gobernos após da II Guerra Mundial funcionaron ao servizo dos EUA.

Ademais, defenden a volta do emperador a Quioto (a antiga capital imperial), negan os crimes atribuídos ao Imperio como o masacre de Nanjing de 1937 onde foron asasinados miles de civís chineses, e aseguran que non hai probas de que os soldados xaponeses durante a II GM sometesen mulleres a escravitude sexual.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: