Dirixidas aos rapaces da comunidade costeira desta parroquia e mais da de Carreira (Ribeira), para difundir as novas tecnoloxías como ferramenta de exploración do medio.
Desde este martes e deica a vindeira quinta feira, desenvólvese en Aguiño (Ribeira) o programa NarraTIvas Dixitais co que colaboran activamente a Confraría de Aguiño Carreira, a Asociación Sagres e a ANPA Leliadoura.
O salón da Confraría alberga o proxecto, que comezou a súa andaina en Cairú (Brasil) enmarcado dentro de Ecoarte 2010. O seu obxectivo principal céntrase na idea de que os medios dixitais poden permitir ás comunidades costeiras desenvolver as súas propias narrativas sobre a súa vida e o uso dos ecosistemas costeiros.
Concretamente, NarraTivas Dixitais está dirixido aos rapaces da comunidade costeira de Aguiño e Carreira para difundir as novas tecnoloxías como ferramenta de coñecemento e exploración do seu medio. A actividade iníciase cun taller na Confraría, onde os alumnos deben decidir en grupo que tema queren tratar e en que forma.
Despois de se organizaren en pequenos equipos, estarán listos para saír á rúa coas cámaras e relatar en primeira persoa a súa realidade máis próxima, partillar algunha experiencia, dar visibilidade ao seu medio. Para isto recibirán formación sobre edición de imaxe e de son.
As narracións dixitais proxectaranse diariamente ás 21.00 horas no Salón da Confraría para todo o público xunto coas narracións brasileiras. A seguir abrirase un debate que conectará as dúas realidades, distantes mais tamén comúns. Os obxectivos deste proxecto continuarán de forma online nas plataformas desenvolvidas con ese obxecto.
Software libre
NarraTIvas dixitais é un proxecto dos grupos de traballo do Laboratorio del Procomún en colaboración con Medialab Prado, coordinado por Juan Freire e Karla Brunet á fronte dun numeroso grupo de investigadores que veñen traballando dende hai un ano nun proxecto de investigación sobre narrativas dixitais.
A experiencia ha servir para facer unha análise desta realidades costeiras, mais tamén ha permitir identificar as metodoloxías e temáticas para o desenvolvemento dun proxecto futuro de maior escala nestas e outras comunidades costeiras.
Este grupo de profesionais leva consigo o soporte técnico para poder gravar e sacar adiante as distintas iniciativas. Os materias empregados son de baixo custo, evitando as firmas importantes ou os elevados prezos do material audiovisual. Empregan software libre e cámaras dixitais de baixo custo "porque non buscamos tanto a calidade no acabado, senón a historia", afirman.