Unha cita coas artes escénicas que sitúa o noso país no mundo, inaugurada este ano co pregón enviado polo presidente da Real Academia Galega.
É xa a XXVI edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), nunha historia que non só se conta por anos, senón tamén por éxitos. Da Casa da Cultura á Igrexa da Madalena ou do Castelo ás rúas, a vila ourensá enchóupase da calor do teatro en cada nova entrega deste encontro. E convertida en referencia do panorama escénico no conxunto do Estado, no medio de conxunturas máis desfavorábeis ou de maior ou menor inxección de recursos, a MIT non esmorece na vontade dos seus organizadores de enriquecela cada ano coa pegada de ducias de compañías teatrais de todo o mundo.
E desta volta, non dubidan desde a organización en definir esta edición, que cruza xa o cuarto de século da historia desta cita, como unha das máis ambiciosas que se leven deseñado. Un espectáculo dirixido polo prestixioso director polaco Staniewski foi a peza forte da noite da inauguración esta sexta feira no Auditorio do Castelo. Unha proposta onde "os actores e cantantes demostran metodicamente os elos posíbeis e analoxías entre as técnicas antigas da interpretación co corpo e a voz, cerimonias indíxenas ou rituais que aínda están vivos hoxe en día".
Cita consolidada malia o déficit de apoio institucional
Anteriormente, no acto oficial de inauguración, faltou a presencia do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen malia non acudir delegou a lectura do pregón no secretario da institución. Un pregón onde Méndez Ferrín debullaba o pulo do grupo Abrente en prol da "fabricación do teatro en galego" e do labor de empuxe para o desenvolvemento desta cita internacional co teatro. "Pasaron anos como area e Ribadavia segue sendo centro dramático de Galiza", deixou escrito.
Nese acto formal de inauguración non faltou tampouco a velada crítica desde a organización ás institucións, polo frouxo compromiso co proxecto, especialmente sentido neste ano. Un acto no que o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, recoñeceu a proxección dun festival "de moito prestixio que sería imposíbel sen a ilusión, o esforzo e a entrega de todos os colaboradores e voluntarios". Unhas palabras que contrastan co déficit de axuda ao festival desde a actual Xunta, sendo así que a MIT 2010 arranxou contas co apoio principal doutras institucións e sectores, especialmente pola inxección económica chegada desde o goberno español por parte dos ministerios de Cultura e Igualdade.