Malia que xa se arramplou con parte, a dirección xeral de Patrimonio acorda a conservación do lugar que debería frear a construción da proxectada urbanización.
A península, marcados con tres círculos negros os deseños dos edificios que se proxectan construír
"Pode tratarse dun dos asentamentos de meirandes dimensións da Mariña lucense, que se estende cara ao mar, cara a terreos de dominio público marítimo terrestre, polo que podería dar lugar a un gran proxecto arqueolóxico". A valoración xa a facía o propio informe dos técnicos de patrimonio, da que Vieiros lles contou hai semanas, mais non é até o de agora que a Xunta asume publicamente as conclusións dos investigadores.
A Dirección Xeral de Patrimonio resolve así que os restos achados do castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo, "deben ser conservados in situ debido ao seu valor arqueolóxico e histórico". Un estudo onde se sinala que os restos exhumados evidencian unha complexidade urbanística froito dunha longa e continuada ocupación e transformación deste espazo, "que está na orixe da vila de San Cibrao". "Na súa orixe é adscribíbel ao período galaico-romano, no cambio de era e primeiros séculos despois de Cristo, á que se superpoñen estruturas medievais", indícase.
"A conservación dos restos é incompatíbel cos proxectos construtivos que se proxectaban sobre esta área", indica a Xunta. "Foron estas actuacións, en concreto a construción dun edificio na zona, as que nun primeiro momento confirmaron a existencia de restos arqueolóxicos, e conduciron a unha prospección máis en profundidade das zonas que aínda non se viran afectadas", refire o departamento nun comunicado.