Xuntanza internacional en Viena que, entre outros, reclama unha "completa reorientación" de políticas relacionadas co VIH.
"A penalización dos consumidores de drogas ilícitas está fomentando a epidemia do VIH con consecuencias sociais e de saúde tremendamente negativas". Sinálao deste xeito a Declaración de Viena, un documento redactado polo comité científico da XVIII Conferencia Internacional da SIDA, que este domingo comeza na capital austríaca.
Milleiros de expertos participarán nesta conferencia organizada por ONUSIDA e pola Sociedade Internacional da SIDA que terá un dos seus puntos máis prioritarios e á vez polémicos as reflexións ao respecto do impacto das actuais políticas no eido da drogadicción como factor favorábel á expansión da enfermidade.
Co lema "Dereitos aquí e agora", a cita ten ademais entre os eixos destacados da súa axenda o debate sobre o xeito de resolver os problemas de discriminación e criminalización nos grupos de risco. Alén diso, a prevención e tratamento e os avances e experiencias neste eido sobre a síndrome están tamén no primeiro plano.