Cando perto da metade dos polígonos bateeiros do país están pechados pola toxina diarreica, o porto do Cabo da Cruz mantivo a súa actividade normal.
Actividade normal no Cabo da Cruz
Cando perto da metade dos polígonos bateeiros do país están pechados por mor da presenza da toxina diarreica nos mexillóns, o porto do Cabo da Cruz (Boiro, O Barbanza) tivo hoxe actividade para cubrir as demandas de molusco.
Segundo os operarios da Asociación de produtores mexilloeiros do Cabo da Cruz "estamos en temporada baixa e hoxe (por este luns) saíron sobre 20 mil quilos" de molusco para a depuradora que a Asociación ten en Bueu. Ademais, e fronte á pregunta sobre o que pasará nos próximos días, tamén aseguraron que non hai paros previstos e que o mercado "está abastecido".
"Hoxe só foi un tráiler, se ben no Nadal teñen saído oito ou nove", comentaban os traballadores do porto boirense. Malia o reducido da produtividade, esta foi "normal para a época do ano", segundo informaban tamén os empregados desta entidade pesqueira.
Saída do produto
Preguntados polo furtivismo e as vendas directas de molusco, a resposta foi unánime: "Se te para Tráfico con eles, vaia paquete che caería". Por iso, os propios traballadores do porto recomendan o consumo de mexilóns etiquetados, ben adquiridos nas depuradoras ou nos centros comerciais e demais superficies nas que se comercializa este marisco.
A dureza do marisqueo
Desde as oito da mañá hai actividade no porto do Cabo da Cruz. Os barcos descargan desde as dez até as doce do mediodía aproximadamente. Homes, pero tamén mulleres, baixan dos barcos unha vez que os gruístas do porto descargan os sacos de mexilóns para directamente cargalos en palés, embalalos con film trasparente para que non se desfagan os vultos e vaian rapidamente para os camións frigoríficos que os leven a depurar.
"O mar é duro, si, pero hoxe hai moitos adiantos", comentan os operarios da Asociación. "Peor para os dos barcos" que para os do porto a actividade marisqueira continúa modernizándose e adaptándose ás necesidades do sector e ás tecnoloxías que melloran a faena diaria, indicaban os traballadores.