Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOITE DA EDICIÓN 2006

O libro gañador do Premio Ánxel Casal 'arde mal'

Outro ano máis, a AGE organizou a Noite da Edición. Este sábado, 16 de decembro, o Liceo Casino de Pontevedra acolleu unha velada na que foron fallados os Premios e homenaxeados os veteranos editores Sabino Torres Ferrer e Isaac Díaz Pardo. Estes premios naceron o ano pasado para recoñecer o bo traballo editorial en diversos campos. As distincións, sen dotación económica, son outorgadas polas trinta e sete editoras que forman parte da Asociación en seis categorías. E os gañadores foron... no Premio Ánxel Casal ao libro do 2006, Os libros arden mal, de Manuel Rivas, editado por Xerais. Rivas mereceu tamén o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora do 2006. O Premio Lois Tobío ao libro traducido 2006 foi para Don Xoán (Contado por si mesmo) de Peter Handke, tradución de Luís Fernández Rodríguez publicado dentro da colección Medusa de Sotelo Blanco. O Díaz Pardo ao libro ilustrado do 2006 foi para Smara,de Paula Carballeira, ilustrado por Carole Hénaff e publicado dentro da colección Sete Leguas de Kalandraka. O Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil do 2006 mereceuno A sombra descalza de An Alfaya, publicada dentro da colección Fóra de Xogo, de Xerais. E o Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial foi para o programa Libro aberto da TVG.

- 09:45 19/12/2006
Tags:

O premio á edición histórica, para Sabino Torres Ferrer, responsábel de Hipocampo Amigo e fundador da colección de poesía Benito Soto (1949). Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia e pontevedrés da Moureira como don Sabino, realizou a laudatio da traxectoria profesional do máis veterano dos editores galegos en activo. O alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Lores foi o encargado de realizar a entrega. Tamén lle foi concedido o título de Presidente de Honra da AGE a Isaac Díaz Pardo, de mans da concelleira de Cultura Ánxela Bugallo e logo dunha laudatio de Fran Alonso.

Os finalistas
Para o Ánxel Casal competían con Rivas Feísmo. Destruír un país. A fin do territorio humanizado, de Antón Baamonde e outros (Difusora de letras); O bosque dos raposos aforcados de Aro Paasilina (Rinoceronte); O suxeito postmoderno de Rebeca Baceiredo (Galaxia); e Terra e nostalxia. Galicia rural de Gwendolyn Luo (Baía). En canto ao Isaac Díaz Pardo da ilustración, as outras candidatas á parte de Smara eran A banda de Vilacendoi de Xulio Gayoso (Kalandraka); A lingua das bolboretas de Manuel Rivas, ilustrado por Miguelanxo Prado (Galaxia); Arquitectura popular de Galicia de Pedro de Llano, con fotografías de Juán Rodríguez e debuxos de Alfonso Salgado (Xerais); Carrilanos de Rafael Cid (Xerais); Cogumelos de Galicia de Carlos Silvar, Marisa Castro e V. L. Román (A Nosa Terra); e O pirata metepata de Toño Núñez (Baía).

As finalistas ao premio Xosé Neira VIlas ao libro infantil e xuvenil xunto coa novela de An Alfaya eran Corre, corre, cabaciña de Eva Mejuto (OQO); Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz (Xerais) e Sari, soñador de mares de Marcos Sánchez Calveiro (Tambre).

Ao Francisco Fernández del Riego, que recoñece o apoio ao labor editorial e finalmente gañou o programa televisivo 'Libro aberto', optaban Biblos Clube de Lectura e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Entre os autores candidatos ao premio Xosé María Álvarez Blanco, ademais do premiado Rivas, estaban Teresa Moure e a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Cultura, normalización, modernidade
O presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín, gabou no seu discurso a lei do libro, por recoñecelo como elemento identificador de Galiza e afirmar o seu carácter estratéxico e prioritario "pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia". lembrou como esta lei camiña tamén na vía da renovación tecnolóxica e a modernización da industria do libro e das estruturas de distribución. "Iso define o novo reto: libro igual a cultura, normalización, industria, comercio, renovación tecnolóxica; libro igual a ben social e dereito cultural de todos os galegos e galegas".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: