O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) prepara para as vindeiras dúas semana un ciclo de cine dedicado a Ficcións e alteracións da realidade, que se desenvolverá paralelamente á mostra Contos dixitais, aberta até o 28 de xaneiro. A proposta da sala compostelá prevé dúas proxeccións diarias, e moitos dos títulos poderanse escoitar na súa versión orixinal, con ou sen subtítulos. Cada xornada estará dedicada a unha temática concreta.
O ciclo ábrese o martes 9 con dúas películas sobre Monstros: ás sete e media, The Fly, filme do ano 1958 dirixido por Kurst Newman, que se proxectará en versión orixinal con subtítulos en castelán. Máis tarde, ás dez menos cuarto, poderase ver Freaks, de Tod Browning, producido no ano 1932 e que se escoitará coas súas voces orixinais. O mércores 10, sobre Desdobramento. Os corpos outros amosaranse The Hunger, filme de 1983 dirixido por Tony Scott, en versión orixinal subtitulada en castelán, ás sete e media, e Dr. Jekyll and Mr. Hyde, película muda dirixida por John Robertson en 1920, ás dez menos cuarto.
O xoves 11 tratará sobre O mal animal. Un futuro non desexado, coa proxección de Planet of the Apes, dirixido por Franklin Schaffner no ano 1968, en versión orixinal subtitulada en castelán, ás sete e media, e White Zombie (1932), de Victor Halpering, en versión orixinal, ás dez menos cuarto. O venres 12, sobre Alteracións narrativas e visuais, veranse, ás sete e media, Cube (1997), de Vincenzo Natali, subtitulada en castelán, e, ás dez menos cuarto, o filme mudo Frau im Mond (1929), de Fritz Lang. A primeira semana do programa complétase o sábado 13 co tema O conto. Realidade/ficción, xornada na que se proxectarán Die Abenteuer des Prinzen Achmed, de Lotte Reiniger e Carl Koch (1920), muda, ás 19:30, e Pleasantville (1998), de Gary Ross, que se poderá ver ás 21:45 en versión dobrada ao castelán.
O martes 16, dedicado a Realidade/ficción, verase, ás 19:30, eXistenZ, de David Cronenberg (1999), dobrada ao castelán, e, ás 21:45, La mort en direct, de Bertrand Tavernier (1980), en versión orixinal. O mércores 17, O ben e o mal estarán representados por La Belle et la Bête, de Jean Cocteau (1946), ás sete e media, e Nosferatu, de F. W. Murnau (1922, muda), ás dez menos cuarto. O xoves 18 haberá un só filme, aínda que de longa duración. Solaris, de Andrei Tarkovski (1972) representará, a partir das sete e media Alterar a natureza humana/tecnoloxía. Poderase ver en versión orixinal con subtítulos en castelán.
O venres 19 estará dedicado a Corpo intervido por tecnoloxías e modelos estereotipados, e contará coas proxeccións de Edward Scissorhands, de Tim Burton (1990), que se amosará en versión dobrada ao castelán, ás sete e media, xusto despois da curtametraxe Vincent, dirixida no ano 1982 polo mesmo autor. Ás dez menos cuarto verase Dr. Strangelove, or How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb, de Stanley Kubrick (1964), subtitulada en castelán. O sábado 20, dedicado aos Efectos especiais vanse proxectar, ás 19:30, The Invisible Man, de James Whale (1933), e, ás 21:45, 2001: A Space Oddisey, de Stanley Kubrick (1968), as dúas con subtítulos en castelán. O ciclo péchase o domingo 21 coa proxección de Metropolis, filme mudo dirixido por Fritz Lang no ano 1927, que se amosará ás sete e media da tarde.