Os directores suecos Fredrik Gertten e Suzanne Khadalian presentan o mércores os seus traballos.
Cartel do festival
A cuarta feira ás oito do serán ábrese a terceira edición do Play-Doc, o festival internacional de documentais de Tui. Até o domingo, proxectaranse no teatro municipal 27 traballos que teñen en común o feito de seren producións moi persoais. En moitos casos, serán os propios autores os encargados de presentar as súas obras.
O acto inaugural contará coa presenza dos directores xerais de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e de Comunicación Audiovisual, Xosé Manuel Fernández, máis o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e os directores do festival, Sara García e Anxo Sánchez. Nel proxectarase un tráiler dos documentais que participan nas seccións oficial e informativa.
Ás nove da noite presentarase ao público o primeiro dos traballos que se exhibirán no festival: An Ordinary Family, que participa na categoría de longametraxes, e que presentará o seu director, o sueco Fredrik Gertten. Unha hora e media despois poderase ver a produción do mesmo país Bullshit, que protagoniza Vandana Shiva, nominada ao Nobel da Paz 2007, e que estará presentada tamén pola súa directora, Suzanne Khadalian.
Tamén se procederá a inaugurar a exposición de Ron English, polémico autor que colocou ao longo da vila tudense cinco valados publicitarios. O venres ás nove da noite proxectarase un documental sobre a súa obra: Popaganda.
Durante as xornadas do mércores e do xoves, os cinco equipos finalistas do maratón Play Avid-Doc estarán a gravar por Tui adiante os traballos que deberán montar o venres e que terán como fío condutor Fronteiras. Foron seleccionados Eloy Enciso, Uxía Rodríguez, Jacobo Sanmartín e Pablo Gómez, Pela do Álamo e Joaquín Mateo, e mais Paula Marcuño.