Está constituída case na súa totalidade por microempresas que facturaron en total 18 millóns de euros.
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) anunciou a posta en marcha da súa nova sede en Santiago de Compostela. De paso, fai balance. Dende que botou a andar en 2000, xa está integrada por 42 empresas, o que a converte na agrupación representativa do sector das novas tecnoloxías no país.
Segundo informa a asociación, a facturación do conxunto das empresas asociadas aproxímase aos 18 millóns de euros e dan traballo directo a 456 persoas. Case na túa totalidade fórmana microempresas, que facturan menos de 2 millóns de euros, e a metade delas teñen unha antigüidade de entre 5 e 10 anos.
O novo local de Eganet ten unha dimensión de 220 metros cadrados, co que os asociados poden dispoñer de novos servizos. Así, conta con acceso a internet sen fíos, unha sala de xuntas e persoal para a realización de trámites.
Un dos obxectivos da asociación é, ademais da eliminación da fenda dixital, a especialización das empresas e conseguir un sector forte, de calidade, cun futuro con capacidade para chegar á internacionalización das empresas.