Unha nova aplicación informática chamada Proxecto Carvalho permite xa a tradución automática de textos e palabras de inglés ao galego.
Tradución automática, código aberto e sustentábel. Estas son os tres eixos de identidade (ver vídeo) nos que se sustenta o Proxecto Carvalho, unha iniciativa que xa ofrece na rede un tradutor de inglés-galego. Esta nova aplicación informática, xa en funcionamento, insírese na plataforma OpenTrad e está creado a partir de recursos lingüísticos do portugués.
A proposta tecnolóxica toma o nome de Ricardo Carvalho Calero, unha das máximas figuras do reintegracionismo, a quen rende homenaxe no seu centenario, ao tempo que fai referencia a un dos grandes símbolos da identidade ambiental galega: o carballo. O proxecto está aberto á colaboración directa dos usuarios que deberán enriquecer o tradutor con novas palabras e, ao tempo, contribuír á plantación destas árbores por toda a nosa xeografía.
O portugués como base
A proposta está ideada por Imaxin-Software, quen se baseou nunha nova liña de investigación no marco dos tradutores automáticos, partindo dun método estatístico. Esta metodoloxía, que é a que actualmente utiliza o tradutor de google, é diferente á clásica de regras, e parte de relacións estátiscas de aliñamento entre palabras concorrentes nos corpus lingüísticos de galego e inglés. Porén, como no galego non existen aínda este tipo de corpus, a metodoloxía levou a Imaxin a utilizar textos e termos do portugués para alimentar o sistema e adaptándoos, despois, á normativa galega actual.
Así o explica Diego Vázquez, director da área de I+D de Imaxin Sofware, quen subliña que “grazas á lusofonía o galego pode acceder a ferramentas lingüístico-informáticas que, doutro xeito, serían inviábeis”. “Tiramos dos textos en portugués que forman parte dos fondos europeos”, explica Vázquez, quen apunta que se ben “a calidade da tradución é moi boa” son necesarios textos de temáticas diferentes para facer un corpus máis potente. Aí é onde entra a colaboración dos internautas que queiran achegar outros textos que sirvan como base.
A idea futura é a de facer un tradutor híbrido, é dicir, que tome parte desta metodoloxía estatísta e parte da que itra das propias regras do idioma, ofrecendo unha tradución máis exacta, máis propia do falar. Se ben se trata dun prototipo lingüístico e informático que pode mellorar, dende Imaxin amósanse satisfeitos do resultado desta iniciativa, que ofrece un tradutor gratuíto e en liña entre o galego e o inglés, até o de agora impensábel.