Escribía hai uns días a miña admirada Clara Castilla no Xornal que xa dende os emperadores romanos hai unha perversa querencia polo subministro de pan e circo ós gobernados, na procura de encher barrigas e enredar cabezas. Clara escribe o que escribe a conto da xa inminente copa mundial de fútbol, onde os futboleiros de todas as cores (eu son amarelo de Brasil e laranxa de Holanda, que así conste) apagaremos as luces da nosa conciencia crítica e darémonos en corpo e alma á contemplación parva duns tipos musculados correndo tras un balón.
A Clara non lle parece ben que fagamos esta paréntese na vida racional, non ve con bos ollos que nos abandonemos ó desenfreo dos sentidos e gastemos soleados días de verán diante dun televisor. Con bo criterio, ela pensa que o poder político vaise aproveitar desta nosa ausencia de conciencia para agochar as miserias presentes. E ten razón, claro que si; pero a copa mundial de fútbol tiña data adxudicada dende hai oito anos, cando a crise era só un mal agoiro de xente sen poder de convocatoria. O único pecado do actual goberno é sacar proveito dun acontecemento que lle vén dado; igual que apanda coa crise que tamén lle veu dada.
Porén, e con independencia de que o goberno se aproveite ou non do mundial de fútbol, o feito de que a xente teña un algo inmaterial que turre dela cara a felicidade, paréceme unha medida anticíclica moi aquelada para os tempos que corren. Coma calquera outra que faga que nos esquezamos da realidade e nos de azos para sobrevivir. Benvidas sexan as festas patronais e mailas gastronómicas, as romarías de aldea, os xantares familiares, os festivais de música variada, os campionatos de tute e billarda, as misas cantadas, as procesións lentas, as quedadas da terceira idade, os programas televisivos do corazón e arredores,...etc. E tamén lle recomendaría á xente que deixara de ler xornais e escoitar partes e parladoiros de radio e televisión, xa que só fan escaravellar na ferida e pintar un futuro moi parecido á fin do mundo.
¿En que me baseo para recomendar tais actuacións? Pois no sentido común. Cando un familiar ou amigo está afundido na tristura ou na dor, ou nas dúas cousas á vez, penso que todos intentamos consolalo sacando de nós o lado mais festeiro e pintándolle un futuro de cor de rosa, aínda sabedores de que seguramente o enfermo estase de volta das nosas intencións e é consciente de que lle estamos contando películas. Pero facémolo porque non se nos ocorre nada mellor. Por suposto, na vida real son poucos os que arremedan os peculiares métodos do doutor Gregory House.
Cando era necesario aplicar racionalidade ás nosa vidas era nos tempos de vacas gordas, e daquela non o fixemos. Esa é unha das grandes leccións que debemos aprender -e non esquecer-; pero non agrandemos o noso infortunio martirizando as conciencias cunha nova versión da Lei Seca, agora que as vacas pintan fracas. A unha persoa que perdeu o seu traballo, que se cadra perdeu a súa vivenda, que xa esgotou as prestacións por desemprego, e que non albisca onde pode estar o seu futuro, eu non podo pedirlle que se peche na casa a racionalizar a súa desgracia e se deixe lilailas, cantigas e romarías. Non lle podo pedir que escoite día si e día tamén a gurús de pelo e pluma que non souberon prever a caída pero si anuncian a milímetro a saída do burato. ¡Que lle dean! Cando saiamos dela xa nos decataremos; e namentres, a ler libros, ver películas e botar unhas bailas, que é o que levamos de ganancia para o alén.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.