Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Agora é cando

16:58 06/07/2010

Non aguanto mais este secreto roéndome os fígados e outras partes delicadas do corpo. O vulgo –xente de a pé- párame polas rúas e corredoiras e pregúntame que está a pasar. ¿E logo?, pregúntolle eu, por idiosincrasia e para gañar tempo. Pois que acaba de caer tamén Santiago, dinme alarmados. ¿O apóstolo caeu? Imaxinei un corpudo turista alemán abrazado á reliquia a voltas polo altar maior abaixo. ¡Déixate de lerias e céntrate Sucasas! ¡Que non é cousa de rir! Tiñan de seu xa Pontevedra, fixéronse coa Coruña e Lugo, e agora Santiago. Estes van a por todas e nonos couta nin María Santísima. Entón boteille o brazo por riba do ombreiro e tentando tranquilizalo, díxenlle: Dende logo que esa señora, precisamente, nonos vai coutar. E mais che direi, o quilómetro cero de Galicia tamén é deles. O vulgo agrandou os ollos cheos de pánico: Éche a nova Reconquista, Sucasas, acórdate do que che digo.

Está claro que o ruxe-ruxe está collendo dimensións perigosas, así que vou contar o que sei e ides ser vós os segundos en sabelo: o que semella ser un golpe de man das tropas do coronel triste e circunspecto, non é mais ca unha manobra de distracción, unha operación acordeón, un así coma quen, uns tiros ó aire para que La Voz de Galicia pense que a brigada quintanista pasou definitivamente á historia. Eu sei do que falo, xa que son un dos candidatos “tapados” da Chabeliña Vargas para asaltar polas bravas as torres municipais. Tamén en Lalín nomeamos hai nada un novo líder en substitución do anterior, e tanto un coma o outro son tropa do coronel. E como somos mais chulos ca ninguén, incluso lle vendemos a moto á prensa de que estabamos anovando o partido asemade presentabamos un histórico que por idade ben podía ser pai do antigo.

¿Por que decidín poñerme á fronte da operación acordeón? ¿Por que agora e non antes? A resposta é simple e clara: porque antes ninguén mo pediu. Ben, agora tampouco mo pediron, pero hai xa tempo que me veño postulando con indirectas e arrodeos, ata palpar con certa seguridade que as bases están a gurgullar por min. Pero hai mais razóns. Como son da opinión de que un político canto menos faga mellor, cheguei á conclusión que este é o momento ideal para facerme coa alcaldía. O actual alcalde leva mais de vinte anos no posto e como avella de vagar, a xente bota contas e mesmo pensa que naceu xa na Casa Consistorial, cousa que vos xuro non é certa. Fixo tódalas obras que quixo e mais, ata o punto de poder dicir que temos de todo e moito repetido, polo que non quedaría nada por facer. Labores de recintar aquí, botar un remendo alí e repintar acolá. Chapuciñas, maiormente.

Así pois, teño xa a mensaxe que vai ser a pedra miliar da miña campaña: “¡Lalineses todos!, sei que estades cansos de ver un Lalín medrando sen paradura, pero rematou o tanto facer e desfacer. Agora é tempo de acougar e pasar os días por riba do cemento. ¡Á fin, chegaron os tempos de non facer nada!” E para aqueles mais duros de convencer, non lle andarei con arrodeos: Mirade, xente incrédula, non hai un peso no caixón, así que...unha de dúas, podemos afrontalo con filosofía positiva e facer cadrar os desexos co que é posible, ou ben..podemos patalexar namentres facemos o que é posible...Vós veredes. Imposible is nothing foron tempos.

Xa me estou vendo chegando á casa, logo dunha xornada esgotadora sen facer mais nada ca mirar polas vidreiras curvas do Castro Tecnolóxico e contar os coches que pasan pola circunvalación cara Ourense ou cara Santiago. A miña santa vaime preguntar que foi o que fixen hoxe. Nada, direille. “Pero iso xa o fixeches onte”. Entón eu poñerei cara de alcalde presidente: “Pero é que non o rematara”.

5/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións