Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Na Era da Información

16:29 24/06/2010

Inmersos na Era que din da Información e das TICs asociadas, se cadra perdemos o norte e esquecemos que as cousas son o que son e non o que parecen ser nin o quixeramos que foran. A información é poder, din fachendosos, coma se anunciaran a descuberta do círculo cadrado. ¡Coma se ata o de agora non o fora! Posuír información sempre implicou poder sobre os que carecían dela; e apañala antes ca ninguén,  unha vantaxe proporcional ó tempo que o resto dos mortais tardaban en facerse con ela. En realidade, o único que mudou foi a cantidade de información accesible e maila súa velocidade de transmisión. 

Dísenos que canta mais información recibamos, mellor. Algo moi acorde coa obsesión do ser humano pola cantidade e polo tamaño: canto mais e mais grande mellor.  Burro grande ande ou non ande, que dicía miña nai cando pretendía incomodarme. Pero unha vez conseguía enrabecharme, ela sabía moi ben que un trebón a mediados de Xullo adoita ser unha bendición dos deuses, e sete días seguidos arroiando seguramente sexa unha calamidade do moito demo. Porque a auga, coma tantas outras cousas, está suxeita á lei dos rendementos decrecentes, e chegado un punto, non só mais auga non nos achega ningunha utilidade adicional senón que pode converterse en fatal desutilidade.

Igual que nos pasa coa auga, unha dose mínima de información é imprescindible para a supervivencia, e calquera información útil a maiores aumenta as nosas posibilidades de sacarlle rendibilidade. Dixen información útil, porque non toda o é; porque pode ser superflua, ou mesmo redundante. E cando falamos de que hoxe en día a cantidade de información accesible é infinitamente maior á de épocas pasadas, deberiamos ser capaces de poder cuantificar, aínda que fose de xeito aproximado, en que proporción se incrementou a información útil respecto ás outras dúas. Sería bo sabelo, xa que non vaia ser que o aumento na cantidade sexa de carácter superfluo e redundante. Mais penso que tal angueira queda, polo de agora, fóra das posibilidades humanas, así que debemos conformarnos con sensacións, suposicións, opinións,...

O incremento exponencial na cantidade de información accesible fixo que a súa vida útil diminuíra. Axiña aparece en circulación unha nova información que converte a anterior en obsoleta. Xa que logo, hai que andar a fume de carozo se queres tirar proveito, xa que ó cabo de pouco tempo eso que tes xa non vale un pataco. Por eso se nos di que a información mellor canto mais fresca. Coma se estivesemos a falar das troitas do Río Grande ou das robalizas do Tira do Cordel. Estas présas desenfreadas na procura de información do trinque, e no seu rápido aproveitamento, empece a reflexión necesaria e convértenos en tomadores de decisións ó chou. Porque é mellor unha decisión equivocada ca quedar coa boca aberta remoendo indecisións.  Eso din.

Detrás do aumento estratosférico da velocidade de transmisión da información está a industria das TIC, que precisa vender os seus enxeños e aparellos, e que non dubida en vendernos a moto da velocidade como algo intrinsecamente bo, desexable e indispensable para o Novo Home que está xermolando. E detrás da inxente cantidade de información ó noso dispor, propiciada á súa vez polo incremento da velocidade de transmisión, hai tamén toda unha industria que ansía espallar o seu producto, e que non dubida –lexitimamente, por suposto- en atribuírlle ó consumo masivo de información propiedades nutricionais indispensábeis para a vida humana nesta nova Era da Información.

4,78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións