Xa hai tempo que caín na conta do grande paralelismo entre a medicina e maila economía. Madialeva, xa que se trata de dúas ciencias da saúde: namentres a primeira mira pola saúde dos corpos, a segunda estudia a dos petos. As dúas ciencias contemplan funcionamentos normais ou saudables nos seus obxectos de estudio, e cando así non é e aparecen disfuncións ou comportamentos anómalos, tratan as dúas de remediar as patoloxías e devolverlle a corpos e petos a saúde perdida.
Pero aínda vai mais aló o paralelismo. Como queira que o obxecto último do estudio é o ser humano, tanto a diagnose da patoloxía coma a profilaxe resulta tarefa de moita complicación. O home –e máis aínda a muller- é todo un universo de elementos físicos e químicos en interacción uns cos outros, e cuxas leis de interacción aínda non coñecemos na súa completitude. Non temos inventariados a totalidade de axentes patóxenos, e dos que si temos noticia non sabemos todas as posibles vías de entrada no corpo, e dos que si as sabemos non temos a seguranza certa do rosario de órganos que van danar e, xa que logo, os síntomas que van xerar. Toda esta cadea de ignorancia fai –moitas veces- enormemente difícil o diagnóstico dunha patoloxía determinada e, polas mesmas razóns, tamén o acerto no axeitado tratamento. Outro tanto se podería dicir da economía libre: Millóns de individuos actuando economicamente, con diferentes idades, valores, gustos, expectativas, niveis de riqueza, aptitudes...etc. Ben mirado, case é un milagre que funcione e o faga medianamente ben.
Seguindo co paralelismo, as crises económicas son ó sistema económico o que as enfermidades ó corpo: Imposibles de prever, difíciles de diagnosticar e complicadas de resolver. Pensemos nunha simple e vulgar gripe. Sabemos que todos os anos ninguén nos libra dun episodio gripal e que hai conductas e condicións que favorecerán a súa aparición, pero non sabemos nin cando nin con que virulencia o fará; cando xa a teñamos enriba, os síntomas dirannos que é unha catarreira, que pode ser unha gripe, e se cadra, deus non o queira, que estamos diante dunha tuberculose, ou mesmo sabe deus que; e cando pretendamos curala, poderemos conseguilo acamando unha semana con caldo limpo, ou ben botando sete días a base de antibióticos.
Pensemos agora nunha simple e vulgar crise económica. A historia dinos que ciclicamente o sistema entra en crise e a teoría económica ensínanos que hai excesos e conductas de risco que a poden favorecer, pero ata a descuberta punto Gz , non tiñamos xeito de saber anticipala; cando xa estea riba de nos (agás algunha xente que sempre estará riba dela), aínda botaremos un tempo discutindo sobre si é crise, recesión, desaceleración ou só propaganda de xente mal intencionada; e cando queiramos poñerlle remedio, poderemos escoller entre aguantar dous ou tres anos termando cadaquén da súa vela ata que amaine a temporal ou, pola contra, que o papá estado cisque cartos a eito durante tres ou dous anos, coma o padriño dun bautizo na porta da igrexa.
O mesmo ca no caso dos antibióticos, aquí tamén haberá efectos secundarios. E creo que todos poderiamos dicir uns cantos.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.