Non son dos que viven obsesionados con xustificarse polos seus actos, porque aínda que un pode trabucarse, cando o fai dende a lexitimidade do convencemento, e coa mente baleira de odios, rancores e outras miserias que abundan na condición humana, os seus posicionamentos deberían ser cando menos respectables.
No universo latente da mediocridade os necios non alcanzan a entender que se poida servir a Galicia, sen pretender estar en postos remunerados que consigan facer maleable o que non son principios firmes. Un non serve para asumir axiomas como o dese sabio chamado Groucho Marx, no que afirmaba que eses eran os seus principios, e se non gustaban "tiña outros". Os meus poden gustar ou non, pero non van trocar en función de quen teña a tixola polo mango en cada momento, nin moitísimo menos. Estarán vostedes comigo en que se pretendese algo máis do que digo, non escollín precisamente o camiño máis doado cara ese obxectivo, que en todo caso sería lexítimo. Non son dos que lles importe moverse, baixo o risco de non saír na foto, porque entre outras cousas non me obsesiona ningunha foto na que saír.
Comparto con orgullo con outras persoas militancia na defensa da lingua e cultura galegas, primeiro porque creo niso, e despois porque ningún dos meus compañeiros de travesía me pediu un carné político determinado para subir a ese barco. Tanto en Prolingua, como no IGEA, ou máis recentemente en Galegolab, só coñecín persoas dispostas a traballar desinteresadamente pola súa cultura, e que con poucos medios e gran esforzo priorizan a loita pola protección e promoción do que é noso, sen darlle as costas á responsabilidade coa súa terra, e sen pedir nada a cambio. Son consciente que para todos aqueles que analizan cada movemento que se produza en clave de potencial ameaza, estas palabras soarán novamente como sospeitosas; pero reafirmo que moitos estamos dispostos a apoiar cada movemento que se cree e que sexa beneficioso para esta bendita terra, por riba de miradas de esguello e de comentarios malintencionados dos que non ven máis alá do que non están capacitados para ver.
E afirmo todo isto recoñecendo que pode ser considerado un acto de incoherencia o non ter aspiracións a poltronas políticas, nun momento no que estou convencido que hai que mollarse máis ca nunca. Pero parto do convencemento que dende a modestia da militancia crítica e firme, e a asunción de compromiso xunto con xentes de diferente "pelaxe", pódese servir á terra dos teus pais, a pesares de saber que non vai saír de balde, nin pretender que se considere unha valentía, o que non deixa de ser algo lóxico sen máis. E pedir desculpas ao lector habitual desta columna por utilizala para que a mensaxe chegue a onde evidentemente vai chegar, facendo saber que algúns están máis cómodos no pensamento único que toque en cada momento, e outros simplemente non estamos dispostos a facer reverencias ante o que non nos gusta.
Ou non?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).