Nunha campaña marcada pola consolidación do bipartito e por unha perda do poder do PP nas cidades en canto a posibilidades de gobernar, que a penas en votos; algúns partidos deberían reflexionar porqué non van a gobernar nas 10 principais cidades de Galicia/Galiza, sendo a forza máis votada en moitas delas, e porqué perde un bastión de tantos anos como é a Diputación de Lugo, e case a de Pontevedra. Nas cidades o PP mantivo o tipo, pero nas Vilas, en xeral, o resultado foi peor do agardado, quizáis por unha perda de identidade galeguista do partido.
O PSdeG vai gobernar con case toda probabilidade en 6 delas, o que é un éxito, que fai que o partido de Touriño reforze e aumente o poder municipal e supramunicipal coa Deputación de Lugo. E o BNG, a pesares do baixón no seu buque insignia, o Concello de Pontevedra, tamén consolida posicións.
Listas abertas
Numerosos concellos de Galiza/Galiza terán como gobernantes a persoas que entrarán coa ilusión de aportarlle aos seus veciños aquelo polo que foron votados. Mais vese un vicio nos "neogobernantes", i é ter sempre en boca o botarlle en cara aos saintes calquera dos problemas que ese concello poida ter. Frases antolóxicas como “vostede non ten lexitimidade porque cando gobernaba…”, son no fondo de corte antidemocrático. Pois diríalles a este tipo de políticos tan común nestos tempos, que a lexitimidade en democracia dáa a xente cos seus votiños, e non o político demagóxico de turno.
A xente sí lexitima para gobernar, pero tamén para ser oposición, poder mudar de ideas sobre determinadas cuestións, ou non. Algún pode aducir que ó longo da Historia o pobo equivocouse, e non lle falta razón, moreas de erros temos nas hemerotecas e no subconsciente colectivo. Pode que chegara o momento de avanzar, retoca-lo sistema co que eliximos os nosos representantes e apostar como tantos países europeos polas listas abertas. Listas desbloqueadas que fagan posible que a madurez democrática da xente consiga situacións tan politicamente interesantes como votar a persoas consideradas válidas de diferentes partidos e sensibilidades, e non a moito analfabeto funcional que pulula polas candidaturas electorais de calquera pobo ou cidade.
A hora dos coitelos
Esa reforma electoral, ó meu modesto entender, necesitaría dunha reforma constitucional, á que algúns partidos téñenlle tiña (normalmente a dereita), pois consideran á Carta Magna como o Santa Santorum das esencias democráticas. Equivócanse e traizóaos o subconsciente ó propoñer ideas peregrinas como deixar que goberne a lista máis votada, en función do que a cadaquén lle interese en cada momento político, pois iso podería valorarse cunha segunda volta para elexir unha alcaldía, e non o recurso doado da lista máis votada, moi discutible dende un punto de vista democrático en función do sistema electoral existente.
Agora chega tamén a hora dos reproches internos e dos coitelos afiados, pois como decía Adenauer: "Na política hai adversarios e correlixionarios: estos últimos son os máis perigosos".
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).