Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

As borrascas entran sempre polo norte

11:00 04/03/2009

Como lle pedía o xa Presidente electo, Galicia falou alto e claro. Unha vitoria contundente que fai lembrar aquelas dos tempos do “fraguismo”, nas que o número de  escanos chegou a ser aínda maior, por decisión soberana do pobo.

Mais esta é xa unha nova xeración de “populares” nada ao abeiro do gran triunfador da noite electoral, Alberto Núñez Feijoo. Debo recoñecer que tiña o convencemento pleno  da repetición dos mesmos resultados de hai catro anos, e polo tanto, da reedición, por moi pouco, do chamado bipartito. Mais esa sensación mudou radicalmente cando observei no mitin de peche de campaña de Ourense, ao que acudín convidado polo candidato popular –xesto que lle agradezo-, que aquel era un acto “coma os de antes”, coa xente moi entregada e confiada na victoria electoral que finalmente se produciu 48 horas despois. Xa alí dirixentes populares contábanme satisfeitos os seus datos internos –deses que non terxiversan os medios de comunicación- que lles daban o escano número 12 pola circunscrición coruñesa, e polo tanto o deputado número 38 necesario para ter a maioría absoluta que garantía o goberno para os populares. Recoñecía o candidato que moitos dos seus compañeiros achegábanse a el dicíndolle que quizais tivera que agardar catro anos para os seus obxectivos, mais el manifestou a súa impresión persoal de que sí tería unha oportunidade, como finalmente así foi. E con ese convencemento marchei da capital das Burgas cara o Deza, reforzado pola asistencia sorpresa de Zapatero ao peche de campaña do PSdeG en Compostela –sinal inequívoca de que algo non marchaba ben para eles-, cavilando como afectaría esa nova realidade a Galicia, na situación de devastadora crise económico-financiera na que nos atopamos.

Podemos considerar xa “lenda urbana” aquelo de que unha alta participación en Galicia beneficia á esquerda. O dato da participación do 70% do electorado –sen incluir os residentes ausentes-, é un xesto de madurez política do pobo galego, que deixa pouco marxe para ese reiterado debate. E ademais un ten que mudar a súa opinión no que respecta á non influencia das campañas electorais no posterior resultado, cando é evidente que neste caso sí variou determinantemente nos dez días anteriores aos comicios, a pesares do número marxinal de ocasións nas que un goberno recen chegado ao poder non repite a segunda vez na que se presenta aos comicios, sendo este un dato moi significativo e determinante do acontecido.

Cales pudieron ser os factores determinantes para a perda da Xunta do binomio PSdeG-BNG? Penso que se acudimos aos resultados por cidades vemos o determinante da crise económica e do, xa con data de caducidade, decreto lingüistico.  Estou plenamente convencido de que o famoso decreto non tentaba impoñer o noso idioma, senón como dixo o portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, “poñelo”. A mensaxe que calou nas nosas cidades foi a contraria, axudados probablemente polos poderes fácticos, que decidiron que a educación dos nosos nenos debía ser basicamente en castelán e, como reafirmo hoxe, tristemente. Mentres, o PSdeG fixo unha paupérrima campaña electoral, como recoñecían algúns dirixentes, con viraxes estranos nos seus plantexamentos, que daban a entender unha liña non moi clara de goberno, sumado á crise económica e a unha evidente imaxe de goberno non unido, no que os conselleiros socialistas facían a súa “guerra particular”, independentemente de como o facían os conselleiros “frentistas”.

O PPdeG evidentemente foi de menos a máis na campaña, e así o testemuñan os seus propios datos internos. Moita culpa dese éxito tena ese “gurú” ideolóxico no que se convertíu para os populares Pedro Puy, gran referente para Alberto Núñez, a hora de marcar o rumbo da nave dos populares galegos. Agora é o momento no que o triunfador líder do PPdeG ten que amosar a xenerosidade no momento da vitoria, achegarse aos partidos da oposición e  forzas sociais para acordar as medidas necesarias para sacar este país da crise, porque non podo entender que alguén queira facer política nesta terra sen ter como prioridade precisamente a Galicia.

No momento de escribir estas liñas, chégame a nova da dimisión de Emilio Pérez Touriño, xesto que o honra e que pon de manifesto que para algúns nas amargas derrotas, por riba dos intereses persoais, están os dun partido tan importante para Galicia como é o PSdeG. É sen dúbida un exemplo a seguir en democracia, pois na derrota aqueles que se amarran á poltrona –e exemplos na política estatal temos- demostran un maior interese polo seu ego, que polo proxecto político que ofrece, á súa militancia. Agora Touriño e Quintana, como se dun capítulo das “vidas paralelas” de Plutarco se tratase, volven a camiñar xuntos na derrota, despois de facelo na vitoria. Teño que dicir que realmente o sinto polo líder frentista, porque me consta a súa boa vontade de abrir o abano do partido a outras concepcións galeguistas, a pesares do que me separa ideolóxicamente da súa formación, e con pena polo que me achega. E alégrome  por Alberto Núñez Feijoo, que sempre tivo un comportamento persoal impecable comigo, a pesares de ser crítico con algúns aspectos dentro do partido fundado por Manuel Fraga.

Preguntábame un íntimo amigo, dirixente socialista, se cría, logo dos resultados, na existencia da ideoloxía galeguista no país. O certo é que non son ninguén para afirmalo, mais do que sí estou seguro, e de que eu vouno ser ata o día que morra.

Ou non…?

*Quería expresar dende esta columna o meu modesto recoñecemento ao traballo que fixo nestas eleccións todo o equipo de Vieiros, dende o seu editor ata o último redactor. Foi un exemplo de traballo independente, e diría que desproporcionado polos medios dos que dispoñen a diario, que foi referencia nestes comicios, como así o recolleron diferentes medios do país.

Os meus máis sinceiros parabéns.

4,22/5 (73 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións