Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

O advimento de Xosé Blanco

09:45 15/04/2009

Unha vez rematada a semana santa e despois de asistir a todos os actos litúrxicos relacionados coa morte e resurrección de Cristo que me interesan, -é dicir, ningún-, penso que poden ser interesantes unhas reflexións sobre o nomeamento de Xosé Blanco como ministro de Fomento.

Lembro perfectamente as primeiras veces que me fixei nel nalgún debate deses sectoriais que daquelas existían na canle pública galega, nalgunha campaña electoral. O devandito pareceume dunha mediocridade abraiante, opinión que continuei a ter moito tempo, daquel aspirante a gobernar en Palas de Rei que nunca fora profeta na súa terra. Evidentemente trabucárame –unha vez máis na miña vida- pois o tempo demostrou que tivo a habelenza suficiente, algo indispensable en política, para estar no momento adecuado no lugar axeitado. Sempre pensei que Blanco xogaba a ser o novo Alfonso Guerra deste período socialista no poder do Estado, mais chegar á categoría de “animal político” do sevillano é complicado pois seguramente Guerra é o mellor político español dende Azaña na miña modesta opinión, pero sí debo recoñecer que o feito por Blanco ao mando da nave socialista ten un mérito suficiente como para recoñecelo e eu que me considero absolutamente independente nas miñas análises políticas, así o fago.

A chegada ao ministerio inversor por excelencia de Xosé Blanco é sen dúbida unha moi boa nova para Galicia; xa temos falado nesta columna da marxinación secular dos gobernos estatais en materia de infraestruturas, e estou seguro que Blanco se sinte moralmente obrigado a resarcir esa situación. Doado non vai ser, debido ás tremendas presións que vai ter e máis nunha situación de crise na que se fala do maior investimento da historia para reincentivar a nosa economía, mais no seu haber pode chegar a ter o ser un gran valedor para Galicia, como paso previo ao seu gran obxectivo político, que aínda que o negue a min cónstame, que non é outro que a futura Presidencia da Xunta, aspiración máis que lexítima ao posto político máis importante ao que pode chegar un galego.

Pode estar tamén máis preto aquel vello soño de comunicar por autovía as sete grandes cidades galegas e sobre todo a “nai de tódolos temas de infraestruturas” en Galicia que non é outro que a chegada do AVE e o remate das mentiras sobre a data de finalización desa megaobra que levamos sufrindo por parte de diferentes gobernos, e sobre a que fago a aposta a que non será no 2012, como dixo a ex ministra do ramo de cuxo nombre xa non quero lembrarme.

Benvido sexa pois o nomeamento de Blanco e os meus mellores desexos para a súa xestión nun momento economicamente tan complicado. En principio Galicia gaña, despois xa veremos...

Ou non...?

* Non quería rematar a columna desta semana sen dicir que me sinto militante do PSE nestes momentos no que os fascistas os sinalan. O meu apoio a Pachi López e aos seus correlixionarios e o meu desacordo cun partido co que sempre me sentín moi identificado como é o PNV por intentar deslexitimar un novo tempo político en Euscadi, decidido polos seus cidadáns.

4,31/5 (55 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións