Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Quilombo electoral

09:00 11/02/2009

Como cada elección que atinxe ao noso país, temos  novamente unha forte polémica por mor dos votos de todos aqueles que por circunstancias tiveron que marchar, a inmensa maioría das veces amargamente, da súa querida terra.

Xusto é recoñecer que o corazón de Galicia latexa tamén na Arxentina, no Uruguai, Brasil, Suiza, e tantos e tantos lugares como galegos polo mundo existen, é dicir, ao longo de todo o globo terráqueo. Mais este recoñecemento non debe ser obstáculo para facer unha crítica contundente, aínda que constructiva, de como se xestiona o dereito ao sufraxio dos nosos emigrantes. Penso que é un dos graves déficits que se dan na democracia galega de hoxendía, porque o voto, a súa liberdade, veracidade e lexitimidade está máis que en cuestión, e exemplos de irregularidades existiron e existirán ata que a clase política poña mans á obra, e determine unha vez por todas, o mecanismo necesario para a limpeza do voto dos chamados pedantemente “residentes ausentes”.

Nin PSdeG nin o PPdeG deron mostras durante os seus gobernos de estaren demasiado interesados. Agora a nova xeración dos populares reacciona e promete telo resolto en 6 meses, ademais de  tarxetas sanitaria e outros beneficios, mentres o PSdeG promete as mesmas tarxetas e ademais dobra a cuantía das bolsas a netos de galegos, é dicir, novamente a época electoral convértese nun mercado persa. O único que de momento semella estar libre de toda sospeita é o BNG.

Nun magnífico documental chamado “Quilombo electoral” denúncianse este tipo de tropelías dos partidos estatáis, quedando en evidencia a necesidade de regularizar a esperpéntica situación. O que xa non alcanzo a entender, ou sí… son os problemas que lle causa ao PSdeG  a decisión de obrigar a votar co DNI ou o mesmo pasaporte como garantía para ir solventando esta situación. Destacados socialistas marcharon cara o novo continente, baixo a sospeita –agardo que infundada- de funcionar máis como axentes electorais que polo labor encomendado pola administración, e algunha polémica sobre este tipo de actividades xa chegou ao Parlamento galego, así como numerosos alcaldes de todos os partidos en peregrinación ás américas ou centroeuropa, a conta do erario público, buscando garantir ese voto cara as eleccións municipáis, que na inmensa maioría dos casos remata sendo cuantitativamente marxinal.

Estes días chegan informacións sobre a expedición de pasaportes “exprés” para que os emigrantes poidan votar. A medida é cando menos sospeitosa e polo tanto cuestionable. O que modestamente penso é que o dereito ao sufraxio dos nosos emigrantes debe quedar en suspenso ata que se dean todas as condicións necesarias para que o fagan en urna, sen posibilidade de amaños, nin votos procedentes do máis alá… e tendo en conta que teñen dereito ao sufraxio 335.000 galegos do exterior –un 12,7% do total-, estudar seriamente a necesidade ou non de establecer para eles a súa propia circunscrición electoral.

Estes días de precampaña os nosos líderes están polas “américas” visitando os nosos emigrantes. Todo o que sexa axudalos a mellorar as súas condicións de vida e os contactos coa nosa terra, benvido sexa, pero xa falaba Jardiel Poncela sobre o viaxar, calificándoo de imprescindible, engadindo que a sede de viaxe era un síntoma de intelixencia, aínda que eu neste caso penso que non é o mesmo ser intelixente, que pasarse de listo.

Ou non…?

4,09/5 (55 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións