“O problema dos dereitos dun pais non está en telos, senón en podelos exercer”
(Josep Antoni Duran Lleida)
O nacionalismo de dereitas catalán semella querer endereitalo rumbo que o desgaste de tantos anos de poder lle fixo perder e así o amosa na conferencia co título de “O catalanismo, enerxía e esperanza para un país mellor” nunha arriscada aposta, máis polas poucas posibilidades de levalo a cabo que pola súa oportunidade, do líder dos conservadores nacionalistas cataláns Artur Mas.
Nunha moi medida intervención, Mas referiuse aos habitantes de Catalunya como “cataláns” rompendo un pouco a designación histórica do mítico Presidente no exilio durante o franquismo Josep Tarradellas cando buscaba a utilización do termo “cidadáns de Catalunya” tentando que os non nacidos naquela terra, pero que vivían nela se sentisen parte dun todo chamado Catalunya nun intelixente xesto en plena transición cuxo obxectivo era sumar e non dividir unha sociedade que se preparaba para unha nova era logo de tantos anos de escuridade sociocultural por mor do réxime instaurado polo golpe de estado do 18 xullo do 36.
A petición de “dereito a decidir” dos cataláns do líder barcelonés formulada diante da plana maior da sociedade civil catalana, pode levar a unha reflexión sobre ata que punto determinados políticos son conscientes e reflexivos sobre as ofertas que fan a unha sociedade que nun momento dado pode ter outras prioridades vitais. O nacionalismo catalán tanto de esquerdas como de dereitas está implantado na sociedade de forma importante e determinante. A loita polo novo Estatuto, a súa tramitación parlamentaria, o seu referendo por parte do pobo nun referéndum de escasa participación e a súa final aprobación fan que Mas reaccione diante da posibilidade de que o Tribunal Constitucional non o considere na súa totalidade conforme a dereito.
Unha proposta baseada no que él chama catro alicerces básicos: alcanzar a “nazón plena catalana”, a aposta por converter a Catalunya nun país líder preparado para os retos da globalización e aplicar o dereito dos cataláns a decidir sobre os seus propios asuntos. Un esceario potencial que xeraría a envexa de calquera nacionalista galego que se preze, e para afimalo é dabondo observar o rictus de Anxo Quintana na conferencia de Mas, que nunha recreación, salvando as distancias, do apoio que no seu día Vicente Risco lle fixo a Francesc Cambo, reflectía o desexo dunha futura realidade semellante para Galiza.
Un BNG máis moderado
En todo caso os escearios e a realidade de Catalunya e de Galicia son ben diferentes. Os galegos ao día de hoxe votan maioritariamente a partidos estatais con maior ou menor nivel de independenza con respecto ás súas centrais madrileñas. O nacionalismo en Galicia por desgraza é cuantitativamente unha forza menor, aínda que pola necesidade de coalicións non o é cualitativamente. Comenza a xerarse un amplo debate na sociedade galega sobre o papel que tería un BNG máis moderado e de centro esquerda, a pesares da animadversión que lle pode producir a sectores, que sen dúbida amosan unha histórica coherencia e tradizón nacionalista de esquerdas, como é o caso de Camilo Nogueira, quen fai poucos días nunca entrevista ao xornal “El País” afirmaba: “Dicir que o BNG debe facerse de centro é unha mostra da incultura políticamente dominante e quen a fai non coñece como discorre o mundo”. A sentenza é dende un punto de vista político interesante, mais o achegamento da organización frentista aos sectores patronais, á burguesía, e a súa evidente moderación no discurso político xa alonxado do marxismo-leninismo (a afirmación non é miña, senón dalgún destacado dirixente do partido) fan pensar que o rumbo sexa outro.
A aspiración pola autodeterminación de Galicia é por suposto lexítima, eu mesmo síntome xusto na fronteira desa teima de todo nacionalista de ben, pero deberíamos estar dacordo en que dita aspiración debe estar sustentada por unha base sólida que a lexitime dende o que Durán i Lleida chama “maiorías cualificadas ou reforzadas amplas” e cun partido nacionalista de esquerdas que nas últimas eleccións autonómicas pasou de 17 deputados a 13 non dá a sensación de estar xogando no escenario axeitado para ese tipo de reivindicacións. A identificación que o galego medio fai do termo nacionalismo coa esquerda na nosa terra, sen dúbida non sucede na de Companys. E pese a quen lle pese sí existe un extracto sociolóxico nacionalista de centro-dereita en Galicia electoralmente perdido entre o PP (senón que alguén me explique como este partido puido chegar a ter 43 deputados no seu momento) e o propio PSdeG, aínda que os “populares” vanse alonxando a pasos axigantados de calquera vestixio galeguista.
O que me fai engurrar a cara é ver como o partido de Paco Rodríguez no parlamento español vota en contra da reprobación dunha ministra tan nefasta para Galiza como Magdalena Álvarez a cambio de desbloquear competencias e dunha foto na Moncloa, situación que me fai lembrar máis ao libro de Tom Wolfe “ A fogueira das vaidades” que a unha negociación política medianamente seria. ¿Esto que quere dicir, que sen ese apoio os galegos non poderíamos aspirar a esas competencias? ¿é que Galiza non ten dereito a elas sen ter que soportar a servidume de pasar polo aro co tema do AVE e os seus accidentes laborais? ¿é así como se fai País? Eu chamaríalle noxenta su-mi-sión. Quintana tenta xustificar o inxustificabel, e corre o risco nas próximas eleccións xerais da concentración do voto de esquerda no PSdeG (aquel chamado “voto útil”).
Para poder aspirar como pobo a postulados similares aos mostrados polo nacionalismo catalán ou ben xorde un movemento nacionalista-galeguista que englobe a moitísima máis xente polo seu non radicalismo, ou teremos máis do mesmo.
Neste caso os galegos sí decidimos.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).