Lía esta pasada ponte un interesante libro de Javier Cercas sobre os días do intento de golpe de Estado do 23-F, no que citaba un sorprendente dato estatístico publicado por unha universidade escocesa, no cal afirmábase que o 25% dos británicos cría que Sir Winston Churchill era un persoeiro de ficción. Se tantos británicos pensan isto de tan destacado dirixente 50 anos despois, que pensarán os españois de Zapatero dentro doutros tantos?
Ás veces, non sei a que xoga o dirixente socialista; cre realmente o que afirma? pensa verdadeiramente o que dí?, por que tódalas súas prediccións en materia de recuperación económica ou análise da situación actual erran con reiteración? Xa asistimos a afirmacións un tanto desafortunadas como a de chamar “antipatriotas” aos que denunciaban a situación económica que nos viña enriba, xa vimos como unha suposta “desaceleración económica” se convertía finalmente nunha crise sen parangón dende a Segunda Guerra Mundial, tamén asistimos á segura previsión de non chegar aos catro millóns de parados, e ao agoiro do inicio da recuperación –finalmente non producido- situada no pasado mes de marzo. En mans de quen está o goberno do Estado?
É ben certo que podo pecar de falla de obxectividade, xa que ideoloxicamente non estou situado nas coordenadas socialdemócratas, como observo que fan xentes que se autoproclaman socialistas, de evidente actitude conservadora, sen ningún pudor, mais a pesares de aplaudir con fervor case reverencial a política social deste goberno, non podo deixar de dicir que no tocante á xestión dunha crise que traspasa fronteiras, o goberno actual sitúase moi lonxe de estar á altura do que o Estado precisaría, con tanto pao de cego que dá.
Afirmaba Leire Pajín sen rubor que a culpa da situación económica é dos oito anos de goberno Aznar e as súas políticas neoliberais; xa a pasada semana falábamos das –en verbas de Iñaki Gabilondo-, “fantasmadas” de Aznar, afirmando coñecer a receita para saír da crise económica, mais sí existe unha incoherencia por parte do PSOE ao culpar agora ao executivo popular, cando os gobernos socialistas gobernaron 19 anos dende a entrada da democracia. Hai ano e medio o mandatario leonés presumía de ter a taxa de paro máis baixa da historia do Estado Español, e de superar a nazóns como a italiana en PIB, co obxectivo claro para a presente lexislatura de facelo tamén co veciño francés, estando España especialmente ben preparada para unha potencial crise, xa que se fixeran ben os “deberes”, é dicir, incoherencia tras incoherencia... Ou ben estábanos a enganar, ou ben o seu xa lexendario optimismo non lle deixaba ver unha realidade tanxible que di que xa somos o Estado que máis emprego destrúe da Unión Europea, cun déficit público disparado, cunha economía en recesión, e sen un horizonte no que poidamos albiscar unha saída do tunel. En resumo, o goberno do Estado, por acción ou por omisión, está sendo un goberno incapaz, un executivo con tenedor na man nun mundo de sopa.
Durante o franquismo para calmar ás masas nos tempos de revolta social, a lenda di que enviaban ao “cordobés” cunha tourada para aplaca-los ánimos; agora chámase Carla Bruni e vén de Francia, mais a teimuda realidade demostra que os tempos son difíciles, e o que nos queda...
Fronte a incapacidade socialista está a irresponsabilidade dos populares. É o momento da política con maiúsculas e dos grandes pactos de Estado; ese foi o gran exemplo que nos deu a Transición española na época dos “Pactos da Moncloa”, por riba dos intereses partidistas, o interese xeral. O Partido Popular se quere ser alternativa crible debe presentar as súas propostas fronte a crise sen ambigüedades para ser valoradas pola cidadanía, e non especular irresponsablemente coa situación actual, dando as veces a sensación –que diría moi pouco no seu favor-, de que “canto peor, mellor...”
Ou non?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).