Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Galeguismo de salón

10:30 10/05/2007

Un imaxina a Casares Quiroga ou a Castelao vivindo na Galicia/Galiza do 2007 e engurra o ceño ante a posible reacción do coruñés e do rianxeiro en vista da proliferación de partidos "pseudogaleguistas" que están a prostituir unha fermosa concepción vital e ideolóxica de País como é o galeguismo, xa dende o século XIX coas Irmandades da Fala.

O galeguismo de principios deste milenio, non ten un espazo político que o represente con claridade, e parece que a sociedade comeza a demandar a existencia dun referente nas urnas que marque un camiño a seguir na percura dese ideario para a nosa terra polo que os pais do galeguismo loitaron.

A primeira vitoria da "era Fraga" conseguiuse grazas, entre outras cousas, a que os sectores moderados que aceptaron o eslogan "galego coma ti", confiaron en que este proxecto sí podía recoller as aspiracións dunha Galicia/Galiza que sempre se sentíu con rasgos de nazón, independientemente de estar baixo unha República Federal, baixo dunha Ditadura criminal, ou nunha monarquía parlamentaria.

A aposta polas acenos do galeguismo que fan formacións como Terra Galega ou o Partido Galeguista (r), é un insulto á Historia dos pais do galeguismo e, ó mesmo tempo, á intelixencia dos galegos e á súa traxectoria vital como pobo que sinte os seus acenos de identidade como algo básico cara un futuro no que teremos que apostar por forzas políticas, aínda que teñan a súa orixen en Madrid, que se identifiquen plenamente con el. E que esa autoidentificación non sexa unha etiqueta máis, como así semella agora, e sí unha realidade que faga que nos sintamos orgullosos de ser galegos e galeguistas.

"Telón de grelos"
As forzas políticas que non asuman os principios do galeguismo dun xeito real, teñen pouco futuro na terra de Casares Quiroga, Castelao, Bóveda ou Risco, e veranse condenadas a defender intereses bastardos que lle impoñan máis alá do famoso "telón de Grelos". O galego é un pobo que sinte como poucos os seus sinais de identidade, e afástase de tódolos movementos “perturbadores” que poidan intentar que se dilúa a súa autoidentificación como tal.

Na miña modestia, animo ós galegos a censurar actitudes antigaleguistas e partidos que utilizan ese sacro termo, para aproveitarse das ansias das xentes de boa fe de ter unha forza política que realmente os represente. Un dos meus referentes políticos, Xosé Luis Barreiro, cre que ese espazo está cuberto por outras forzas parlamentarias xa existentes. Ogallá nesta ocasión non teña razón…

4,24/5 (222 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións