Competidor número un/ para a coroa de peso mediano/ non tiña nin idea/ á clase de lixo/ onde estaba a piques de caer.
(Bob Dylan, “ Hurricane”)
Canta razón tiña o poeta de Minnesota, e que aplicable a esta campaña electoral…
Lixo polo que sigo a observar día tras día na contenda electoral, situacións que me descolocan e como cidadán desalentan. Vaiamos por partes:
O famoso, e non celebrado, debate é un signo inequívoco de que todo vale en campaña. Nunha situación na que a previsión electoral di que o resultado vai ser moi axustado penso que o líder do PPdeG equivócase ao non aceptar a fórmula proposta pola canle pública de facelo a tres, mais non é xusto cualificalo de covarde por non “tragar” coa proposta televisiva. O lóxico sería o debate a tres, pero tamén a dous, é dicir, Feijoo con Touriño, e Quintana con Feijoo, porque ante a evidencia da continuidade da coalición bipartita, sería pouco atractivo que Touriño e Quin debatesen entre eles, aínda que para min sería democraticamente recomendable. Os galegos teñen dereito a que confronten os seus programas os partidos, independentemente do non cumprimento posterior das súas propostas electorais, un clásico xa nestos tempos, a non ser que os líderes sexan da exquisita coherencia de Alfredo Suárez Canal.
O candidato Touriño, “o noso Presidente”, vese envolto nunhas acusacións de desbalde, que penso que rozan a demagoxia. Entendo que en tempos de crise este tipo de cuestións poden chegar a afectar ao elector medio, mais debemos abstraernos do xogo electoral e do principio de que “en campaña todo vale”, para relativizar una cuestión que se non fose época electoral, non tería seguramente relevancia. Outra cousa é acudir a inauguracións de primeiras pedras en época preelectoral como aconteceu en Ortigueira, con coches oficiais de gobernantes socialistas chegados dende diferentes puntos de Galicia, montando unha tremenda carpa para o acto, e enviando un servicio de catering, según me contan, dende Compostela que é un vicio en parte herdado da etapa “fraguiana”. Como tamén a bufonada de visitar un mercado de abastos, acceder a respostar preguntas, e que as máis beneficiosas para o candidato as faga curiosa e presuntamente o encargado de son.
E mentres Quintana, que está facendo como Feijoo unha moi boa campaña, cae no erro das situación cómicas como a de facer a foto como bateeiro do mexilón secundado por Bieito Lobería na ría de Arousa . Por que caen os nosos políticos en situacións tan ridículas? Aínda me vén á mente a foto de Feijoo coa mangueiriña durante os incendios, e da que dun xesto de boa fe, saíu un ridículo do que tivo a valentía de arrepentirse.
Cando saian estas notas será o último artigo antes da cita electoral. Como cidadán animo a todo os galegos a ir votar sen excepción. Son unhas eleccións especialmente importantes para o futuro da nosa terra nunha situación tan complicada como a actual. Xa teremos tempo de analizar polo miúdo os resultados, mais agardo que os teñan bos aquelas opcións galeguistas –que hai máis dunha- que claramente se comprometan co futuro desta bendita terra, e non lle dean opción a outras do estilo de UPyD –que Deus me perdoe- polo mero feito de estar cabreados coas súas tradicionais. E o máis importante é ter claro que o día un pola noite, cando a vontade dos galegos quede reflectida nas urnas, quen ten que gañar por riba de todo é GALICIA.
Ou non?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).