Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

“Tonto é o que dí tonterías”

11:25 17/07/2007

(Forrest Gump dixit).
Esta máxima do protagonista do film de Robert Zemeckis, deberíamoslla aplicar a algúns altos cargos do goberno que dende a capital do Estado español, teñen a ben falar dos galegos cunha sorprendente desconsideración, e cunha evidente inconsciencia, cando non temeridade.

As declaracións do director xeral de Tráfico, Pere Navarro, sobre as causas da sinistralidade nas nosas estradas son dun tenor insultante que fai que a indignación unha vez máis, sexa o sentimento de calquera galego de ben que escoite ou lea semellantes afirmacións. Non deben caer en saco roto semellantes falacias, aínda despois dunha disculpa menor, obrigado polas circunstancias da presión mediatica, ou pola agardada petición de dimisión por parte do BNG e do PPdeG do devandito “fenómeno”.

O “pesimismo histórico dos galegos” do que fala Navarro, ou o “problema psicológico” que afirma que temos , teñen que provocar unha resposta da sociedade galega e dos nosos políticos ante tanto iluminado que dende a Vila e Corte pontifica sobre nós sen ningún tipo de impunidade.

O pasado verán en plena vaga de lumes tivemos que escoitar tamén a Ministra de Medio Ambente, Cristina Narbona, dicir literalmente: “en Galicia había más pirómanos por el bajo nivel de desarrollo socioeconómico". Esa sí que foi unha catástrofe ecolóxica de gran magnitude para a nosa terra, que nin siquera mereceu por parte dos grupos do goberno o esforzo dunha comisión de investigación que puidese aclarar o porqué das causas reais de tanto monte queimado, os escuros intereses que poden existir detrás, e por qué os montes galegos teñen case 100.000 hectáreas máis arrasadas. E ademáis de todo iso temos que escoitar aos responsables tirando balóns fóra, como se a cousa non fose con eles.

O portavoz do BNG no congreso dos Diputados Francisco Rodríguez pedía hai uns días no debate de política xeral, ou máis coñecido como “Debate sobre o Estado da Nación”, a transferencia das competencias de tráfico a Galicia como unha das medidas para poder reducir a sinistralidade nas nosas estradas, e na miña opinión non lle falta razón. Se os galegos pudiésemos xestionar directamente eso, e algunha cousa máis, seguramente outro galo nos cantaría. Ese “pesimismo” que Navarro nos atribúe, podíase converter en acción e xestión eficaz diante de tanta palabrería capitalina, dende despachos enmoquetados e cunha falla absoluta de respeto polo noso pobo acompañado dunha tenue resposta a esta aldraxe dos nosos políticos gobernantes.

Señor Presidente da Xunta: O “goberno amigo” de Madrid debe ter contundente contestación dende San Caetano, coa exixencia de fulminantes dimisión e asuncións de responsabilidades de todos aqueles que se tomen semellantes liberdades. Señor Touriño, dígalle a que corresponda en Madrid que “amiguiños sí, pero a vaquiña polo que vale...” e defenda ao pobo que o elixíu para representalo, aínda que os seus correlixionarios madrileños poidan molestarse.

O outro día tiven un soño cuase erótico, no que cesaban fulminantemente á Ministra de Fomento Magdalena Álvarez , e claro, os galegos comenzábamos a ser menos pesimistas…

4,57/5 (132 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións