Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Amigos, inimigos…e compañeiros de partido

09:30 04/02/2009

Coma se dunha película de Bond se tratase, asistimos a un inusual espectáculo con orixe na capital do Estado, e posteriores ramificacións por toda a 'pel de touro', sobre supostas tramas de espionaxe político, que fan que un sinta vergoña allea, perante tan surrealista  situación. Aínda que cuestiono se realmente é tan inusual…

Destacados persoeiros históricos falaron sobre o problema dos chamados “compañeiros de partido”; dende Adenauer ata Pío Cabanillas, co que tiven ocasión de coincidir en varias ocasións sendo un neno, e cuxa sabiduría transmitía con todas e cada unha das suas expresións. Efectivamente os ataques máis cruentos, veñen normalmente de bancadas situadas a carón dos correlixionarios, mais non nos engañemos, os dossieres, filtracións e coiteladas intramuros, tamén foron, e son, habituáis na nosa terra.

En Galicia temos exemplos recentes de espionaxe, como a gravación ilegal feita a Antón Losada cando falaba telefanicamente da suposta manipulación que facía o PSdeG na televisión pública galega, ou tamén episodios de compañeiros de goberno na etapa fraguiana, de boinas e birretes con concepcións absolutamente diferentes do que é Galicia dentro dun mesmo goberno conspirando uns contra os outros. É dicir, exactamente o mesmo que acontece agora co goberno bipartito, e sobre o que teño ameazado ao editor de Vieiros con escribir un extenso libro. Exemplos como a execución política da UPG a alguén do prestixio de Xosé Manuel Beiras;  episodios máis próximos no tempo como o da mesma conselleira de cultura Ánxela Bugallo, por non falar das maniobras contra a inclusión nas listas de María José Caride, ou a decapitación política, unha vez máis orquestada polos seus compañeiros da propia presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, son episodios que evidencian os perigos que poden provocar as intrigas dos “queridos compañeiros”.

Evidentemente, dossieres sempre existiron (querido D.Manuel), existen e existirán, para pavor duns, e “esperanza” doutros, de todos e cada un dos partidos, ata o punto de poder ser posible encargar algún ad hoc para magoar a quen sexa, independentemente da veracidade ou non do redactado, pois o dano xa estará feito… Os caixóns dos redactores xefes dos máis prestixiosos xornais do Estado, están cheos deles. Así de miserable é as veces o mundo da política, mais  sempre quedará a entrañable figura do “espía” nos mitins do rural, personaxe encargado de observar cantos e quen son os que asisten aos actos dos outros partidos para informar. Aínda que poida parecer unha forma de concepción política caciquil (que o é), era unha figura case cómica, xa que o coñecían todos e tolerábano con máis ou menos resignación.

Fraco favor están a facerlle a Feijoo os seu compañeiros madrileños, desviando a atención de temas nos que os populares deberían estar máis centrados como a crise e a súas posibles solucións. O meu admirado Gallardón, e a sempre polémica Esperanza Aguirre, ao máis puro estilo Michael Douglas e Kathleen Turner (salvando as distancias) na película “A guerra dos Rose”, están egoístamente dinamitando un partido xa tocado, e ademáis prexudicando gravisimamente a estratexia de campaña dos seus compañeiros Basagoiti e Feijoo, que nin moito menos o merecen, o que os descualifica para un futuro e ansiado liderado do partido, obxectivo evidente previo 'finiquito' da peza de caza maior que buscan, que non é outro que o xa moi tocado Mariano Rajoy.

Qui prodest?, pois seguramente a todos aqueles que ambicionan chegar ao poder por métodos non democráticos, e que coa falla absoluta de respecto ás reglas do sistema, conseguen fomentar actitudes abstencionistas dos votantes, ante tanta mediocridade da nosa clase política. E xa saben os nosos políticos da necesidade de escoller aos seus enemigos con coidado, porque son eles os que te definen.

Ou non…?

4,3/5 (56 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións