O venres 9 cúmprense cinco anos do pasamento de Carlos Casares. Para lembrar a súa figura de escritor, contertulio e mesmo referente moral, o blog As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel, faille un chamamento a todo o blogomillo.
Luís Tosar e Piti Sanz presentan oficialmente o seu novo grupo, The Ellas, o mércores á noite na Fábrica de Chocolate Club de Vigo. A banda, composta tamén por Iván Laxe, Suso Alonso e Ro Muñoz, revisa grandes éxitos do rock e do power pop interpretados por cantantes femininas adaptados á voz de Tosar.
As culturas galega, árabe e israelí uniranse o xoves 15 na sede do instituto Cervantes en Tel Aviv. No recital As tres culturas e a poesía intervirán o tradutor galego Moncho Iglesias, a profesora israelí Aviva Doron e o poeta palestino Faruq Mawasi.
A exposición Maquila Boutique e unha mesa redonda integran as actividades coas que Implicadas no Desenvolvemento celebra o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, e lembra o 8, Día da Muller Traballadora. Hai anos, centos de mulleres morrían nunha fábrica de roupa estadounidense por reclamaren os seus dereitos. Tempo despois, o téxtil segue a ser un sector feminizado no que a explotación é a tónica.
Dúas actrices nun escenario que, con algúns truquiños de atrezzo, se converten en varios tipos de mulleres, para demostrar que non existen os estereotipos. Elas son Merche Alonso e Paz Quiroga, ou o que é o mesmo, Bolován Teatro. Feminino pluralestará na Sala Yago de Compostela dende este xoves, 8 de marzo, até o domingo.
Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, bota andar, dirixido este ano por Tim Reford: o día 12 deste mes podemos empezar a enviar guións de curtas para Compostela Plató, até o 27 de abril, e, a partir do 2 dese mes, curtametraxes. De aquí a outubro, Compostela convértese un ano máis nun set de gravación.
'Nube de seda na lúa' é o suxestivo título do relato que lle valeu o IX Premio Ánxel Fole de Narrativa, convocado polo Concello de Lugo. Na modalidade do premio en castelán, a obra premiada foi 'Ela, claro, como é tan simple', de Jaume Calatayud Ventura. Este ano presentáronse ao concurso de narración curta 43 obras en galego e 50 en castelán.
Ao longo desta semana haberá varios actos en toda Galiza para conmemorar o Día da Muller Traballadora, este 8 de marzo. Na cidade olívica terán lugar charlas, escenificacións teatrais, e a proxección do documental de Mulheres Nacionalistas Galegas, 20 anos desafiando o patriarcado.
Do mércores 7 ao venres 9 de marzo o equipo de arquitectos Ecosistemaurbano vai impartir o obradoiro Terapia urbana. Arquitectura sustentábel? no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela. A actividade pretende entender os espazos públicos como lugares comúns e analizar as bases dunha arquitectura que teña en conta criterios ecolóxicos.
E aos birlos, e á chave... Este venres 9 de marzo convócase unha xuntanza verbo do III Encontro Escolar Galego do Xogo Tradicional, organizado por Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional. O profesorado de todos os centros de ensino está convocado para participar nesta decisión no MUPEGA, a partir das 18.30
A sala Nasa adiántase á conmemoración do Día internacional da muller traballadora coa representación Mamaíta, no soy mala. A obra completa a triloxía dedicada á muller da compañía Balistic de Mateo Feijoo, galego afincado en Madrid.
O folc de Pé de Boi chega o martes 6 á noite á Coruña. O grupo do val do Ulla tocará a partir das dez e media no Pub Dublín, con entrada de balde. Continúa, deste xeito, coa xira de presentación do seu, até agora, terceiro disco, Ano de brétema, despois de ter percorrido as principais salas de concertos do país.
O sábado 10 arrancan no Conservatorio de música folque de Lalín dous monográficos. O primeiro deles, que durará unha soa xornada, será o curso de Danzas do mundo, mentres que o outro, que se desenvolverá até o mes de xuño, estará dedicado ao violín tradicional.
Oito concellos van participar a partir do 11 de marzo, e até o 9 de xuño, na semana do libro e da lectura que organiza a Consellería de Cultura e Deporte. Moaña, Monforte, Viveiro, Carballo, Ames, Allariz, Pontedeume e O Porriño contarán con todo tipo de actividades para o profesorado e o alumnado.
A integrante do blogomillo máis nova, a boirense de oito anos Paula García, xa se está a converter nun personaxe coñecido. O domingo foi entrevistada por Paco Lodeiro no programa Pequeno gran show, da Galega. Paula demostrou o seu dominio das ferramentas da blogosfera e dixo que de maior quere ser bióloga mariña. Non a puido acompañar na televisión a blogueira máis veterana, María Amelia, de 95 anos.
A enciclopedia de fantasía popular na rede Galiciaencantada.com cumpriu dous anos de existencia o 3 de marzo. O proxecto xurdiu como un xeito de aproveitar as oportunidades da internet para difundir a cultura tradicional galega por todo o mundo e, asemade, recoller textos e lendas dende todos os lugares.
O escritor e xornalista Carlos Gabetta explicará este martes desde as 20:00 no Centro Sociocultural de Caixa Galicia de Santiago como o neoliberalismo converteu a América Latina na rexión "máis inxusta do planeta". Continúa así o ciclo 'América cada vez máis latina', que xa comezara con Eduardo Galeano e Luís Toledo Sande.
O intelectual Isaac Díaz Pardo recibiu este venres en Ferrol unha homenaxe organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán. A cita foi o último acto dos realizados durante o último mes pola asociación arredor da figura do galeguista. No Teatro Jofre déronse cita representantes políticos das administracións autonómica, provincial e local, así como persoeiros da cultura galega.
O primeiro sábado de marzo, a Rede Galega de Música ao Vivo da Consellería de Cultura leva por Galiza adiante nove concertos. Os máis madrugadores serán os Ruxe-Ruxe, que tocarán ás nove no café cultural Auriense, da cidade das burgas. Haberá que agardar dúas horas até a seguinte actuación. En Vigo, no Contrabajo tocarán os Blue Rain ás once.
Os vigueses poderán gozar o sábado á noite de nada menos que seis concertos diferentes. No museo Marco continúa o festival Sinsal 5.0 ás oito do serán coas actuacións de Little Annie e de Baby Dee. Triángulo de Amor Bizarro continúan a súa xira na Fábrica de Chocolate, acompañados de Vale Tudo.
O grupo Triángulo de Amor Bizarro presenta o seu disco na sala coruñesa Mardi Gras o venres á noite. Vale Tudo faranlles de abreconcertos. Tamén na Coruña, Luís Moro e a Tribeca's Band chegarán ao Garufa ás dez e media da noite. Non moi lonxe de alí, en Sada, tamén haberá dobre oferta musical: Los Santos, Contrachapados e Megaloves estarán dende as once e media na sala Lúa Chea, e na Moby Dick tocarán, ás once, Elekilibrio.
Oito concertos forman parte da oferta da Rede Galega de Música ao Vivo para a noite do venres 2 de marzo. As localidades de Vigo, Lalín, A Coruña, A Laracha, Cangas, O Barco, Ponteareas e Melide repártense a honra de acoller as actuacións da xornada.
Carlos G. Meixide, autor de O home inédito fixo un vídeo promocional do seu libro, primeiro en galego con licenza Creative Commons, primeiro en publicar Ediciós da Rotonda e primeiro que saca á venda en papel grazas a un convenio con Rinoceronte Editora.
As últimas lúas, de lagarta, lagarta, adaptación do texto de Furio Bordón, estréase esta fin de semana no Salón Teatro compostelán. Mentres, tanto Vigo como Compostela continúan coas súas propostas alternativas, e varias vilas galegas acollen nos seus escenarios obras clásicas, magos, monicreques, monólogos... Velaquí a programación para esta fin de semana.
Dirixida por Xandra Santos Palmou e Roberto Pascual Rodríguez, esta nova revista, herdeira de Ólisbos será presentada ao público o venres 2 de marzo ás 20.30, no café compostelán Garigolo, e tamén o luns 5, en conferencia de prensa, no Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.
No Congreso que está a ter lugar estes días na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, acábase de revelar un novo dato sobre o himno: os actos céntranse en homenaxear a Pascual Veiga no centenario da estrea da versión musical, pero o musicólogo Fernando López Acuña descubriu que realmente non se produciu en 1907, senón xa no 1896.
O mes de marzo comeza a notarse coa suba das temperaturas, cando menos musicais. O xoves á noite teremos moito onde escoller, tanto entre os concertos incluídos dentro da Rede Galega de Música ao Vivo da Consellería de Cultura coma entre os organizados polas diferentes salas do país. Coma sempre, haberá para todos os gustos.
O Conservatorio de Música de Ourense está de aniversario: nada menos que cincuenta anos dinamizando a vida social e cultural de Ourense. O 2007 será un ano de celebracións, concertos e actos diversos na cidade das Burgas. Entre marzo e maio contaremos con catorce formacións e artistas de ámbito galego e internacional.
Os concellos de Noia e do Grove homenaxean a cadanseu escritor convocando un certame literario: no primeiro caso, é Antón Avilés de Taramancos quen dá o seu nome ao 6º Certame Literario de Relato de Aventuras. E no Grove convócase o XV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta. Aquí detallamos as bases.
As lectoras galegas na Universidade de Bos Aires Andrea Cobas e Débora Campos organizan unha nova actividade literaria no mellor escenario posíbel: o Café Tortoni, sede dos coloquios de Blanco Amor ou Seoane. Desta vez, a guerra civil na narrativa galega será o fío condutor que reúna obras de Xavier Alcalá, Suso de Toro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Mª Xosé Queizán, dende o sábado 3 de marzo.
No 1922 Irlanda foi proclamada Saorstát Éireann (Estado Libre Irlandés) e separada do Reino Unido. Pero antes, as guerras internas e contra Inglaterra pola autodeterminación foron constantes. O filme O vento que axita a cebada, de Ken Loach, retrata as guerrillas do campesiñado irlandés. Esta proxección e unha charla co historiador Sean McCann son a proposta da Associação Alto Minho para conmemorar estes 85 anos de independencia. Aquí podemos ver o tráiler do filme:
A asociación Ponte nas Ondas convoca unha nova actividade para máis de cincuenta centros educativos galegos e do norte de Portugal: o I Certame de Recolla da Tradición Oral, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Direcção Regional de Educação do Norte. O premio fallarase no mes de maio.
Edilberto Alonso, o bardo de Curtis, envíanos dende Tipperary, en Irlanda, un tema que, de seguro, se converterá nun novo éxito. Spiritual – Magic & Knowledge está dedicado a Penélope Cruz, a primeira española seleccionada para o Oscar á mellor actriz. Alonso lembra como a coñeceu, aquel xullo de 1988, cando lle encargaron dirixir unha discoteca de tarde en San Sebastián de los Reyes (Madrid).
O director israelí Micha X. Peled amosa en China Blue as condicións nas que traballan unhas rapazas nun taller chinés de confección de vaqueiros. Este documental testemuña xornadas de catorce horas, sete días á semana, en condicións de auténtica escravitude. A oenegué Amarante organiza proxeccións en catro cidades ao longo do mes de marzo. Aquí podemos ver un adianto:
O vixilante dos soños, de Ana Carreira; Camiño solitario, de Ánxela Gracián; Ke-Tumba Ke-Tamba, de Xerardo Quintiá; e O Castrón de ouro, de Darío Xohán Cabana, son os catro novos títulos da colección Árbore, da Editorial Galaxia, pensada para o público de menor idade. Por outra banda, a editorial presenta tamén Se algún día esta muller morta, de Miguel Sande, I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006.
Manuel Rivas deulle este martes voz a Galiza nun encontro en Berlín sobre medio ambiente e democracia. No marco do ciclo organizado polo Instituto Cervantes baixo o título de "Galicia Hoxe", o escritor falou diante do público alemán sobre a resposta da sociedade galega perante as catástrofes ecolóxicas do Prestige e dos incendios do 2006.
O blogueiro Opaco xa completou o laborioso traballo de recompilar os mapas de Galiza do Instituto Xeográfico Nacional, divididos en cuadrantes. Agora todos eles pódense descargar dun álbum que creou expresamente na súa conta de 23hq.
A Sala Nasa de Compostela prepara a Zoona Alternativa, unha mostra de teatro, música e danza contemporáneos que procura abrir novos horizontes nas artes escénicas. Recolle o espírito da Alternativa, un proxecto que se organizou entre os anos 2000 e 2004 polas salas Nasa e Galán, e no que se deron a coñecer autores e grupos fundamentais na nova escena do século XXI. Ese traballo tivo continuidade nos dous anos seguintes, e complétase agora, a partir do 21 de febreiro e até finais de marzo, coa Zoona. Serán 17 representacións de dez compañías: tres de teatro, unha de danza, unha de rock alternativo, outra de música experimental e catro a medio camiño entre teatro, danza, música, robótica e artes visuais.
Últimas críticas de libros galegos
O cinema: o ciclo sobre Bertolt Brecht en Vigo promete O teatro nas salas alternativas: a estrea dun texto de Sarah Kane en galego, achegas de Angélica Lidell ou Marcel.lí Antúnez... As performances no espazo público: a ver como é iso dun espectáculo que colle nun colector! |
|
Recursos de cultura e espectáculos no noso buscador
|
|
|
|
|
|
|
|
|